17 de set. de 2021

VIGO

A CIG denuncia a morte dun doente trasladado nunha  ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061 

Dende a central sindical esíxenlle ao Sergas que deixe de reforzar  o servizo de emerxencias de Vigo con vehículos en precario 


Na imaxe unha ambulancia da empresa do Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam)
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG denuncia “o falecemento no día de onte dun doente mentres era trasladado ao hospital Álvaro  Cunqueiro, de Vigo, nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061”. Dende a central  sindical esíxenlle ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de emerxencias con vehículos en precario  e anuncian que solicitarán as pertinentes explicacións sobre o acontecido.  

 Segundo explican na FGAMT-CIG, “o suceso tivo lugar este xoves entre as 13:00 e as 14:00 horas  cando unha persoa duns 50 anos que viaxaba no interior dunha ambulancia acompañada por un  familiar sufriu unha indisposición e non se lle puideron realizar as necesarias tarefas de soporte vital  nin se contaba co material necesario para facelas. Xa que o vehículo, pertencente á empresa  Coexam, é de tipo A e non está adaptado para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar  unicamente cun condutor/a.  

 En consecuencia, o doente ingresou xa falecido nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. A  chegada deste vehículo cun só condutor e cunha persoa morta no interior causou un gran balbordo  entre o persoal de ambulancias que se atopaba no exterior do centro médico, así como entre os  propios/as traballadoras/as do servizo de urxencias”. 


Vista do interior dunha ambulancia da empresa do Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam)


 Dende a FGAMT-CIG lembran que levan tempo reclamando a necesidade de reforzar o servizo de  ambulancias en Vigo e na súa área con vehículos da propia rede do 061 para garantir que sexan de  tipo B, que son os que están adaptados para poder prestar asistencia sanitaria e nos que viaxan dous profesionais co título de técnico/a. “Pero este verán, debido ao aumento do número de  emerxencias, o 061 reforzou o servizo en precario botando man de novo da empresa Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam); fíxoo sen licitación e sen aumentar a rede propia”. 

 Segundo afirman dende a FGAMT-CIG “ante o elevado número de servizos derivados polo 061, a empresa opera con até catro ambulancias,  pero tres delas son de tipo A, polo que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria. E  noutras ocasións usan de tipo B, pero cun só condutor/a, algo totalmente ilegal segundo a  normativa de transporte sanitario de Galiza”. Ademais, “Coexam non conta con instalacións axeitadas en Vigo para realizar as labores de limpeza e desinfección dos vehículos, até o punto de que o  persoal ten que agardar en parques forestais mentres non é activado

 Boa mostra desta precariedade son as propias tarifas establecidas para cada saída, polas que a  empresa ingresa 32, 16 euros, mentres que por cada quilómetro interurbano cobra 0,64 euros” . 

O persoal da central de coordinación, prexudicado 

 En consecuencia, a FGAMT-CIG trasladoulle recentemente ao 061 unha serie de preguntas para  saber os motivos polos que se contratou esta empresa sen abrir un proceso de licitación; canto se  paga por cada un dos servizos que realiza; se existe supervisión e control de calidade destas  ambulancias; e se a Administración ten coñecemento do tipo de vehículos que esta empresa utiliza  para levar a cabo a asistencia sanitaria urxente. 

 Agora, tras o acontecido onte, a central sindical solicitará as explicacións pertinentes e reclamará  que se poña fin á política de reforzar o servizo en precario. “Levamos tempo advertindo que podían  pasar cousas coma esta, polo que demandaremos que se depuren responsabilidades”. 

 Neste senso,  sosteñen que a única resposta que obtiveron até o de agora por parte do 061 é que este tipo de  ambulancias se usan só para urxencias de carácter menos grave. “Sabemos que é algo totalmente  falso, porque o persoal da central de coordinación ten que botar man delas aínda que non queiran  cando salta unha urxencia e non teñen outro vehículo dispoñíbel”. Neste senso, queren deixar moi claro as diferenzas existentes entre o padroado da Fundación  Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, que é o que toma as decisións económicas e  organizativas (contratacións, número de ambulancias, reforzos, etc), e o persoal da central de  coordinación, “que envía sempre o mellor recurso dispoñíbel e o máis rápido posíbel”. De feito,  consideran que estes/as traballadores/as son os primeiros/as prexudicados/as por esta situación  derivada da escaseza de ambulancias e da precariedade das mesmas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario