17 de set. de 2021

ECONOMÍA

A CIG denuncia que o incremento do SMI mantén os  baixos salarios e fica lonxe dos 1.150 euros 

Dende a central sindical sinalan que a suba do 1,5% non compensa a perda de poder adquisitivo, xa que o IPC é do 3,9% en Galiza 


Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A CIG denuncia que o incremento do Salario Mínimo Interprofesional acordado entre o Goberno  español de PSOE-Unidas Podemos e os sindicatos estatais CCOO e UGT dificulta o cumprimento dos  compromisos acordados polo Estado español na Carta Social Europea de chegar aos 1.150 euros, o  60% do soldo medio actual. Ademais, a suba do 1,5% pactada non compensa a perda de poder  adquisitivo, tendo en conta que o IPC acadou en Galiza o 3,9% en agosto. 

 Dende a central sindical consideran “raquítica” a efectividade real deste aumento do SMI, que foi  cualificado como unha “desconxelación” e non como unha suba polo propio Ministerio de Traballo.  Entenden que este incremento “miserábel” frea o avance cara os 1150 euros mensuais non que se  debera situar o SMI segundo a Carta Social Europea. 

 Segundo sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío, “con este pacto  prodúcese unha escenificación que non é críbel e na que a patronal interpreta un desencontro co  propio Ministerio cando os seus representantes participaron na comisión de expertos/as que avalou  este incremento insuficiente”.  

 Ao mesmo tempo, Sío lembra que o Goberno español botara man de datos antigos para limitar o  aumento do SMI, de xeito que cada persoa traballadora deixará de ingresar 100 euros mensuais. O  comité de expertos/as designado pola ministra de Traballo, no que participan representantes de  UGT e CCOO, da CEOE e Cepyme, así como os Ministerios de Facenda e Economía, propuxo que o  salario mínimo tiña que situarse nun tramo entre os 1.011 e 1.049 euros ao mes para o vindeiro ano  2023, de xeito que alcanzase o 60% do soldo medio do Estado español. 

 Este comité suxeriu tamén que existía a “alternativa” de concentrar a suba nos últimos anos, ao  tempo que considerou que nun escenario “prudente” o incremento en 2021 podía ser de entre un  1,3% e un 2% (cando o IPC actual é do 3,9% en Galiza e do 3,3 no conxunto do Estado).  

 Neste senso, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG censura que de nada vale que o Estado  español ratifique a actualización da Carta Social Europea como fixo recentemente se despois a  incumpre “ás primeiras de cambio.” Indica que no artigo 4 da Carta recoñécese “o dereito das  persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a elas a ás súas familias  un nivel de vida decoroso”. Sendo o Comité de Dereitos Sociais de Europa o que estableceu ese  salario decoroso, situándoo alomenos no 60% do salario medio, que no Estado español sería de 1.150 euros. 

 Mais a comisión de expertos/as colleu como referencia para calcular o SMI os datos aportados pola  Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2018, que apunta a un salario medio anual de 24.009,12 euros  ou a un salario mensual de 1.028 euros en 14 pagas. Cando o salario medio mensual do último  trimestre do ano 2020 foi de 1.899,9 segundo o propio INE. 

 Polo tanto, o 60% dese salario neste ano 2021 debera ser de 1.139,94 euros, aproximadamente uns  165 euros ao mes máis da suba salarial que acaban de aprobar. Mais a este incremento temos que  engadirlle as diferentes subas do IPC nos anos 2021, 22 e 23 que se perderían ao aplicar o cálculo do  ano 2018 sen ter en conta todas as subas que se van a producir. 

Pobreza laboral 

 Na CIG sinalan que os asinantes deste acordo coñecen a existencia dun compromiso da Unión  Europea para acabar coa competencia a base de salarios baixos e coa pobreza laboral da que algúns  estados membros, entre os que se atopa o Estado español, participan. “E ante a obriga de aumentar  o salario mínimo vanlle roubar máis dun 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes”. 

 Neste senso, critican que mentras a maioría dos estados aumentaban o SMI para o ano 2020, o  Goberno español conxelouno, e no 2021 aplica unha suba moi por debaixo do IPC, facendo perder  poder adquisitivo ás persoas traballadoras máis necesitadas nun momento de crise como o actual. 

 Ademais, denuncian que o propio Banco de España e a CEOE veñen publicando informes “enganado  e confundindo” a opinión pública sobre a suposta destrución de emprego polos efectos da suba SMI. “É curioso que estes organismos se dediquen a introducir a súa ideoloxía neoliberal e antiobreira na  opinión pública mentre calan ante a estafa das trasnacionais eléctricas que provoca  empobrecemento xeneralizado e peche de empresas”. 

 Diante disto, dende a CIG demándanlle ao Ministerio de Traballo e ao Goberno español no seu  conxunto “que deixen de mentir e de enganar á clase traballadora” e que incrementen o SMI até os  1.150 euros mensuais, e que manteñan as subas anuais ligadas ao IPC. Tamén solicitan a supresión  do Indicador de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo como única  referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera prestación social  pública, ademais de empregalo para o cálculo das pensións mínimas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario