15 de set. de 2021

TOMIÑO

O Concello e a Agrupación Musical de Goián asinan un convenio de financiación histórico  

Desde o consistorio recalcan a importancia da asociación na vida do municipio, un proxecto único polo seu valor cultural e educativo  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González - no centro da imaxe amosando o convenio asinado - flanqueada por membros da Asociación Sociocultural de Goián

Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño asinou este mércores coa Asociación Sociocultural de Goián (ente ao que pertence a Agrupación Musical de Goián) un convenio de colaboración polo que se compromete a participar no seu financiamento cunha subvención por valor de 25.000 euros.  

 Este convenio supón un fito histórico para a agrupación, xa que lles permitirá prescindir de participar nas convocatorias de subvencións ás entidades culturais por parte do Concello, nas que tiña que entrar en concorrencia con outras asociacións, pasando a ter agora unha financiación directa que lles permitirá ter unha maior estabilidade.   


A sinatura do convenio tivo lugar no salón de plenos do Concello de Tomiño

 Un dos piares fundamentais da agrupación é o labor realizado na Escola de Música, un ente que este ano se atopa en trámites para ser recoñecido pola Xunta de Galicia como Escola de Música Oficial. Na actualidade contan con máis de 140 alumnos e alumnas e desde a institución lembran que o prazo para matricularse na escola continúa aberto, preparados xa para comezar as clases a vindeira semana.  

 Ademais dos gastos derivados de impartir clases na Escola de Música, a subvención servirá tamén para financiar a realización de concertos de diversa índole, a participación en certames competitivos a distintos niveis, a participación en festivais organizados por outras asociacións, a realización de eventos culturais ou a organización do Campamento Musical no verán (que gozou este ano de enorme éxito de participación), entre outras actividades.  

 A concesión desta subvención, que terá carácter anual, foi aprobada no Pleno Municipal e contou co apoio de todas as forzas políticas. Este amparo unánime pon de manifesto a importancia social e cultural que a Agrupación Musical de Goián ten no municipio, un proxecto consolidado que naceu no ano 1998 para encher o concello de cultura realizando actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música.  

 “A Agrupación Musical de Goián é unha institución fundamental, non só por tratarse dun proxecto cultural único e singular no noso municipio, senón polo seu labor formativo e educativo para a mocidade e os nenos e nenas de Tomiño a través da Escola de Música”, declarou a alcaldesa Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario