15 de set. de 2021

OIA

“As do Arrabal”

Paseo guiado sobre as mulleres na historia deste barrio oiense 

Este domingo día 19 de setembro, ás 12.30 horas dende a Oficina de Turismo de Oia (Praza Centinela)    


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia organiza este domingo o paseo guiado “As do Arrabal”, unha visita ao barrio histórico que servirá para descubrir espazos femininos, coñecer algunhas figuras destacadas e visibilizar e recoñecer o papel xogado polas mulleres ao longo da historia local.  

 O paseo, a cargo dunha guía oficial, sairá ás 12.30 horas da Oficina de Turismo de Oia (Praza Centinela) e terá unha duración aproximada de 45 minutos. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou no teléfono 639 329 493 (para máis información pódese chamar ao Concello ao número 986 362 125).  

 A visita guiada deste domingo forma parte do proxecto “6x6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores”, organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.   

 A maiores da visita do domingo 19, a actividade central do “6x6 Punto de encontro” desenvolverase o próximo 25 de setembro e consistirá nunha representación por parte do alumnado do obradoiro de teatro veciñal, que este ano estará acompañado de varias artistas convidadas. Nos próximos días avanzaranse os detalles relativos a esta representación, así como a forma de inscrición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario