O Concello continúa dando pasos no futuro da xestión de augas residuais na zona de costa
Alcaldesa e concelleiro de Vías e Obras visitaron Sober e Mondariz xunto a un equipo técnico especializado para coñecer de primeira man novos sistemas para núcleos de poboación pequenos
A alcaldesa, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron acompañados dun equipo técnico especializado, os novos sistemas deseñados para pequenos núcleos de poboación que se están a empregar ou a implementar noutros municipios galegos
Foto. C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello continúa a dar pasos no futuro da xestión de augas residuais na zona costeira do Rosal. Ao abeiro do estudo para buscar solucións de saneamento nos barrios de San Xián e Portecelo, a alcaldesa, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron acompañados dun equipo técnico especializado os novos sistemas deseñados para pequenos núcleos de poboación que se están a empregar ou a implementar noutros municipios galegos. Así, coñeceron o sistema xa en funcionamento da localidade lucense de Sober e a nova instalación que se está a poñer en marcha en Mondariz.
Trátanse de sistemas de depuración non só máis integrados na contorna, senón tamén “cun menor impacto medioambiental, cun mantemento moito máis sostible e cos que xa se están obtendo bos resultados de saneamento”, explicou a rexedora.
As visitas forman parte do estudo que está a realizar o Concello para ter unha visión clara da situación da xestión das augas residuais nos barrios da zona costeira, con arredor de 200 habitantes. O proxecto arrancou con traballo de campo para conseguir cuantificar a cantidade de augas residuais que xera de forma individual cada vivenda e “determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo aos problemas de tratamento de augas residuais nestas zonas”. “Os veciños e veciñas destes barrios levan moitos anos padecendo esta situación, por iso dende o Concello decidimos tomar partido e colaborar en todo momento co órgano competente, Augas de Galicia, para buscar solucións”, salientou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario