20 de set. de 2021

CULTURA

O festival ‘Alguén que respira!’ reúne boa parte das mulleres protagonistas do renacer da poesía galega coa colaboración da Xunta  

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do terceiro dos encontros que se celebran ao longo do ano coincidindo cos días 21 de solsticios e equinocios  

As entradas só estarán dispoñibles o mesmo día dos recitais, 21 e 22 de setembro, e poderán retirarse na Sala C da Praza de Cervantes, na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal  

Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel, Luz Fandiño, Séchu Sende, Javier Peñafiel e Castillo Suárez conforman o cartel dividido en dous días de programación


Infogauda / Santiago de Compostela

 Mañá arranca en Santiago o terceiro encontro do festival de poesía Alguén que respira!. Esta cita forma parte das catro que se celebran ao longo do ano coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccios.
 O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, asistiu esta mañá á presentación deste encontro, que desta vez conta cun programa liderado por mulleres, que representa “a importancia de que a poesía na nosa lingua dea voz a creadoras de intensa actualidade, vinculando ademais a súa creación a lugares emblemáticos ás veces pouco coñecidos dunha capitalidade cultural como é Santiago de Compostela”. Canda Valentín García tamén estiveron presentes Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Antón Lopo, poeta e director do festival.

As poetas, as grandes protagonistas

 Logo dos encontros de marzo e de xuño pasado, esta terceira entrega do festival arranca con dúas accións poéticas de estéticas moi marcadas. O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas) é o título do recital que acollerá o Teatro Principal mañá martes a partir das 19,30 horas. Trátase dun acontecemento único que subirá ao escenario o fío interxeracional feminino máis prodixioso da literatura galega: Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño.

 As persoas interesadas en asistir a esta primeira xornada deberán retirar as entradas o propio día na Sala C da Praza de Cervantes (de 11,00 a 14,00 h ou a partir das 16,00 h), na páxina web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do propio Teatro Principal a partir das 18.30 h. As entradas serán gratuítas e non permiten reserva previa.

 Para a segunda xornada, o mércores día 22, o festival recupera a sección Atravesei a cerca, que esta vez deixa atrás o edificio do teatro para esculcar outros recantos da cidade. O percorrido comezará no xardín do restaurante A Maceta ás 19:30 horas cos versos de Séchu Sende e continuará na terraza do centro sociocultural da Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. A terceira entrega do festival rematará co recital da poeta navarra Castilo Suárez no museo de Berto Leis, da rúa Pablo Leis. As 25 prazas dispoñibles para asistir distribuiranse por orde de chegada ao xardín da Maceta.

O festival

 Alguén que respira! é unha iniciativa do Concello de Santiago en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para apoiar a poesía en todas as súas expresións.

 Baixo a dirección do poeta monfortino Antón Lopo, este ano chega á súa cuarta edición, articulada de maneira excepcional ao longo do ano en catro citas que coinciden sempre cos solsticios e equinoccios. O pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía e equinoccio de primavera, quedou inaugurada a primeira xornada, + ou – 21 (anos), cun manifesto de Manuel Rivas. A segunda celebrouse o 21 de xuño coincidindo co solsticio de verán. O festival do 2021 clausurarase o próximo 21 de decembro tras un ano de actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario