20 de set. de 2021

TURISMO

A Xunta de Galicia aspira a xestionar preto de 28 millóns de euros de fondos europeos extraordinarios para a reactivación do turismo en Galicia  

A candidatura galega aos fondos Next Generation, presentada hoxe, integra seis actuacións a tres anos


Solpor
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta presentou hoxe seis actuacións de cohesión ás convocatorias de fondos europeos extraordinarios do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 e o Plan Extraordinario de Sustentabilidade Turística en Destinos, coas que aspira a xestionar 27,75 millóns de euros. Acadar este investimento extraordinario suporá unha oportunidade excepcional para a reactivación, impulso, modernización e mellora do sector turístico na comunidade.

 As tres actuacións presentadas á primeira convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, o Plan do Litoral, coas que a Xunta aspira a obter 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation, apostan por rehabilitar e mellorar a eficiencia dos portos e impulsar e promocionar a ruta dos faros, a senda litoral, as actividades náutico-deportivas, revitalizar o litoral galego, que afecta a 1.700 quilómetros de costa, concienciando sobre o seu valor natural e patrimonial así como por rehabilitar recursos e espazos singulares da costa galega e incentivando proxectos tractores.

 Por outra parte, facer de Galicia un destino cicloturista, un proxecto para a revalorización da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Río Ulla e o desenvolvemento do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2021-2027 centrado en Galicia como destino seguro, innovador e en familia son as propostas de actuacións de cohesión presentadas pola Xunta no marco do Plan Nacional Xacobeo. As tres suman un orzamento total de 13,1 millóns de euros.

Actuacións de litoral

 A mellora e humanización da senda litoral resulta clave para abordar o desenvolvemento sustentable de alternativas turísticas, favorecendo a deslocalización, xa que ofrece aos visitantes unha visión integral do territorio.

 Con esta actuación, a Xunta quere fomentar o descubrimento do litoral galego menos visitado, conectándoo con outras rutas máis asentadas, poñendo en valor o patrimonio cultural, natural e etnográfico e potenciando iniciativas locais como motor para o mantemento do proxecto no tempo. Mellorar as infraestruturas turísticas, implantar unha sinalización intelixente en todo o percorrido e dotalo dunha infraestrutura de divulgación e comunicación son accións propostas ao abeiro desta iniciativa.

 Ademais, impulsar Galicia como destino de turismo náutico a través da revalorización de portos e o incentivo e promoción de actividades náutico-deportivas centra é o obxectivo da terceira das actuacións de cohesión presentadas á convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

Actuacións Plan Nacional Xacobeo

 Converter Galicia nun destino de cicloturismo utilizando as rutas xacobeas e a Rede EuroVelo respectando o trazado do Camiño é o principal obxectivo desta actuación, que pretende crear novas rutas ciclistas rexionais paralelas ao Camiño, facilitar a atención e servizos aos cicloturistas, reducir o impacto da pegada de carbono, potenciar a práctica deportiva, fomentar a mobilidade en bicicleta da poboación local e deseñar propostas que cohesionen o territorio e favorezan sinerxías empresariais.

 Outra das actuacións centrarase en desenvolver un proxecto integral para a revitalización da Ruta Xacobea polo Mar de Arousa e o Río Ulla como un Camiño de Santiago de referencia, cos mesmos servizos que os camiños terrestres, captar novos visitantes e peregrinos e consolidar Galicia como destino náutico son as prioridades desta actuación de cohesión, coas que a Xunta quere dar pulo aos activos turísticos vinculados a esta Ruta con accións de mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas portuarias, a mellora e recuperación medioambiental de sendas terrestres e marítimo-fluviais, a rehabilitación e musealización de edificios singulares ou a dixitalización de recursos e ofertando e ampliando servizos dirixidos á peregrinación.

 O desenvolvemento do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia para o período 2021-2027, apostando por Galicia como destino seguro, innovador e en familia e con actuacións de melloras nos albergues e ampliación da rede pública, creación de puntos de información, deseño de mobiliario, conservación dos Camiños ou a atención ao peregrino é a terceira das actuacións presentadas.

 O Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22 desenvólvese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiarase con fondos europeos Next Generation.

Plans extraordinarios con fondos europeos

 Ademais do programa ordinario de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, nos próximos tres anos o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo convocará edicións extraordinarias financiadas con fondos de recuperación, a primeira das cales rematou hoxe.

 As convocatorias extraordinarias 2022 e 2023 estarán centradas en enogastronomía e cascos históricos e vilas termais respectivamente. Para enogastronomía a dotación económica asignada a Galicia é de 31,7 millóns de euros; e para cascos históricos e vilas termais, de 21,1 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario