2 de ago. de 2021

O ROSAL

O Rosal reclama unha mellora da súa atención primaria  

· A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal entregou hoxe na Delegación da Xunta as súas demandas apoiadas por máis de 1.200 firmas da veciñanza   

· O Concello leva tempo reclamando unha ampliación de persoal sanitario que vaia acompañado de melloras en termos de infraestruturas e equipamento 

  

A alcaldesa do Rosal - no centro da imaxe - e membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal, diante da Delegación da Xunta en Vigo

Foto: C.O. R. 


Infogauda / O Rosal

 O Rosal non abandona a súa loita para denunciar o desmantelamento do servizo de atención primaria no municipio. Hoxe, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal, representada pola Alcaldía, a concellaría de Sanidade, todos os grupos municipais, persoal médico sanitario, e o tecido asociativo do concello, fixo entrega das súas demandas na Delegación da Xunta en Vigo. Este documento contaba con máis de 1.200 firmas de veciños e veciñas do Rosal que subscribían cada unha das denuncias e demandas formuladas pola Plataforma.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández, encabezou a presentación deste documento. “Nel solicitamos unha ampliación de persoal sanitario que vaia acompañado de melloras en termos de infraestruturas e equipamento”, afirma. A alcaldesa denuncia que “o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente polas deficiencias nas  instalacións e a falta de medios persoais. Hoxe mesmo só había un médico dispoñíbel para atender citas de receitas cun mes de demora”.  

 A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia que “a situación agravouse de xeito importante durante a pandemia. Sanidade desprazou á Guarda o servizo de pediatría, pechou a consulta de San Miguel, e non corrixiu a carencia de espazo e de dotación material do Centro de Saúde. Ademais, a implantación da atención telefónica supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite ao enfrontarse a unha multiplicación da carga de traballo e a unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo. Esta situación fai que no Rosal o persoal  atenda a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS”. 

 Para corrixir esta situación a Plataforma demanda “un servizo de pediatría no Rosal, a recuperación da praza de matrona, a substitución das baixas e vacacións do persoal sanitario, a atención presencial dotando ao persoal dos medios adecuados, a creación dunha praza máis de persoal médico e dúas de persoal de enfermaría, e melloras na dotación de infraestruturas, espazos, e equipamentos precisos para unha atención de calidade”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario