3 de ago. de 2021

A GUARDA

O BARRIO DA CRUZADA HONRA A SAN CAETANO

O domingo día 8 de agosto, ás 11:30 horas, no exterior da ermita celebrarase unha misa solemne


Aspecto do altar e retabro da capela de San Caetano, no barrio da Cruzada

O  vistoso arco presidido por unha imaxe de San Caetano, momentos despois de ser erixido no torreiro da capela da Cruzada


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Con moita devoción e tamén con bastante esforzo persoal, todo hai que decilo, a veciñanza do barrio da Cruzada, deu comezo aos actos de conmemoración da festividade de San Caetano, avogado da Providencia, patrono do pan e do traballo.

 Segundo súa haxiografía - relato que narra a vida do santo -, Gaetano foi un presbítero italiano,  fundador da Orde de Clérigos Regulares Teatinos. En 1671 fue proclamado santo polo papa Clemente X. 

 A devoción a San Caetano "de Agrelo", como acostumaban decir algúns veciños do barrio da Cruzada, cecais porque botando unha ollada desde a ermida adicada ao santo, é o rochedo de referencia no litoral mariño que está máis preto; provén desde tempos antigos. Domínguez Fontela dínos que desde o século XVII.

 A ubicación da actual capela, ao carón da canteira - de onde na primeira década do século XX extraeuse pedra para as obras do porto de A Guarda - non é a primixenia, segundo referencias orais dunha apreciada muller - Alicia "dos Teares", viuva de Bernardino Castro Martínez, veciño gratamente relembrado - que referiunos o microtopónimo O Cereiro e indicounos o lugar onde fora erixida antigamente a ermida.  

 En calquer caso, é digno de salientar que a devoción a San Caetano pervive entre os veciños do fermoso barrio da Cruzada, topónimo que segundo referiu o cóengo e historiador guardés M. Iltre. Sr. D. Juan Domínguez Fontela, procede da voz latina cruciata, equivalente a encrucillada, sustantivo feminino, que no dicionario da Real Academia Galega significa: Lugar onde se cruzan dous ou máis camiños.

 Ainda que polos motivos que todos coñecemos, a Comisión de Festas de San Caetano, decidiu - ao igual que en 2020 - non organizar ningún festexo profano, iso non foi obstáculo para que levasen a bó termo os necesarios traballos de limpeza e pintado do interior da ermida, e dispuxesen espallar os actos relixiosos na honra de San Caetano, que comezaron coa novena, e a posterior subida dun vistoso arco - presidido por unha imaxe do santo - no torreiro. As conmemoracións relixiosas terán seu día grande o vindeiro domingo día 8 de agosto, ás 11:30 horas, coa celebración, no exterior da capela, dunha misa solemne. Todo iso, como é natural, adoitando ás cautelas indicadas polas autoridades sanitarias, como vén sendo preceptivo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario