30 de ago. de 2021

A GUARDA

PESCA   

Orpagu celebra con todos os guardeses o 25 aniversario da súa fundación   

Aos actos conmemorativos asistirán, entre outras autoridades, o alcalde de A Guarda, a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a secretaria de Estado de Pesca de Portugal e a conselleira  do Mar. 

Unha exposición, “De mar a mar”, composta por 10  totems que mostran a historia da organización, e actividades para os máis pequenos forman parte do amplo programa de aniversario impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses polos seus 25 anos. 


Inauguración da sede de Orpagu fai 25 años
 

Mar Bermúdez / A Guarda

 Vinte e cinco anos dan para moito. Máis de 9.000 días e 9.000 noites, cada un e cada unha coa súa pequena ou gran historia, tanto en terra como en mar. Por iso, Orpagu quere celebrar con todos os veciños de A Guarda o seu primeiro cuarto de século de vida, un tempo no que houbo momentos duros e outros máis agradables que marcaron a existencia dunha organización que hoxe en día lidera o sector do palangre de superficie de toda Europa, con buques españois, na súa maioría galegos, e tamén de Portugal, o que lle confire o seu carácter  transnacional. 

 Os actos de aniversario comezarán o venres 3 de setembro ás 10:30 da mañá coa recepción das autoridades no  Concello de A Guarda por parte do alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz, e do presidente da Organización de Palangreiros Guardeses, Joaquín  Cadilla Castro. Da casa do concello, a comitiva partirá a pé á Praza de San Bieito, onde terá lugar o acto institucional cos discursos do presidente da organización e do  acalde guardés; da secretaria xeral de Pesca do Goberno de España, Alicia Villauriz; da conselleira  do Mar, Rosa Quintana; e da secretaria de Estado de Pesca de Portugal, Teresa Coelho. Tras as intervencións, os asistentes gozarán coa actuación do Coro Cantabile, de A Guarda, que interpretará algunhas das habaneras máis populares. 


Gamelas saíndo a pescar (1958)
Foto: Luis Cadilla

Flota pesqueira de A Guarda (1965)
Foto: Paisajes Españoles

 O acto institucional seguirá cun percorrido pola exposición “De mar a mar” que mostra os 25 anos de  Orpagu a través dos seus fitos e que se atopa situada no paseo marítimo, á beira da Praza de San Bieito. Unha mostra formada por un total de 10 paneis -8 no paseo e dous no Concello-, que permanecerán instalados ata o próximo 17 de setembro. Desde ese punto, os asociados de  Orpagu e as autoridades partirán a un restaurante da zona para un xantar de confraternidade no que os produtos locais serán os protagonistas. 

 Orpagu quixo incluír aos máis pequenos de A Guarda nesta celebración, organizando para eles  obradoiros creativos e contacontos, que se celebrarán de forma ininterrompida das catro ás oito da tarde do día 3 de setembro. 

A Guarda, no centro da vangarda da pesca grazas a Orpagu

 Orpagu, a maior organización do palangre de superficie de Europa, representa na actualidade a 72 barcos de palangre de superficie que faenan nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico. As empresas asociadas facturan no seu conxunto máis de 60 millóns de euros e empregan de forma directa a máis dun milleiro de traballadores. Estas son as cifras de 25 anos de esforzo, traballo e unha aposta clara pola sustentabilidade dos mares e tamén dunha actividade profesional que na Guarda é moito máis que un traballo. 25 anos aos que seguirán, seguro, moitos máis, porque como dicía o poeta Feliciano  Rolán: “(…) aínda queda luz e mar (…)”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario