30 de ago. de 2021

A GUARDA

Para rexeitar a dobre escala salarial e a liberalización horaria 

O persoal de IKF da fábrica das Cachadas, retoma a convocatoria de folga 

Desenvolverán paros todos os martes, mércores e xoves tras suspender a folga indefinida ante o inicio do período vacacional 


O cadro de persoal da fábrica das Cachadas (A Guarda), retomará este martes día 31 de agosto de 2021 a convocatoria de folga

Foto: CIG

Infogauda / A Guarda

 O cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture España, S.A. (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais  refractarios con sede nas Cachadas (A Guarda), retomará este martes día 31 de agosto de 2021 a convocatoria de folga para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar, a liberalización dos horarios, a maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor a compañía. Nesta ocasión os paros desenvolveranse todos os martes, mércores e xoves até o vindeiro 30 de setembro, a excepción do xoves 23, que é festivo local”. 

 Como informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, os traballadores/as de IKF iniciaran o pasado 14 de xullo unha folga indefinida que decidiron suspender o 30 de xullo ante o inicio do período vacacional. “Mais como a dirección non mudou a súa postura na xuntanza celebrada a mediados de agosto agora apostan por retomar as medidas de presión.  

 Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi masivo, provocando un  achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas  sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais

 Porén, explica Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, a dirección non quere tocar por agora a  principal problemática, a eliminación da dobre escala salarial, cuestión que pretende deixar para o  final da negociación. Engade Vicente que nese encontro a empresa tamén tentou forzar a desconvocatoria da folga a cambio de abrir as conversas, “pero o persoal foi claro, continuará coa  folga até conseguir que se dea resposta ás súas demandas”. 

 Neste senso, critica a ausencia da Xunta neste conflito malia a importancia laboral e económica que  ten a actividade desta fábrica para á Guarda e o conxunto da comarca. “É esta a preocupación que ten  o Goberno galego polos dereitos dos traballadores/as desta empresa?”, pregúntase. 

Diferenzas salariais de até 5.200 euros anuais 

 Cómpre lembrar que, “por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis”. 

 Xunto a isto, “IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanto de mañá como de tarde, o que se traduciría na  liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida  laboral e familiar. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario