30 de ago. de 2021

A GUARDA

Xisconnection & The Black Turf abriron Música nos Xardíns 2021 

● O pasado venres nos xardíns do Centro Cultural da Vila



A primeira cita de Música nos Xardíns foi o pasado venres cun dobre concerto de Xisconnection & The Black Turf nos Xardins do Centro Cultural

Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda


 O pasado venres día 27 de agosto deu comezo a edición 2021 de Música nos Xardíns, a programación coa que o Concello de A Guarda quere achegarse aos novos talentos musicais da nosa vila e contorna, que nesta ocasión incorpora unha ampla variedade de ritmos e estilos.

 En total serán tres os concertos que se desenvolverán entre agosto e setembro e polos que pasarán músicos e bandas xa coñecidas polo público guardés como Bruce Grinn ou The Charrans, acompañadas por bandas da contorna como The Mirror ou Zalomon Grass.

 Esta programación parte dunha colaboración con aquelas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na nosa vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano.

 A primeira cita de Música nos Xardíns foi o pasado venres día 27 de agosto cun dobre concerto de Xisconnection & The Black Turf nos Xardins do Centro Cultural.

Xis Connection & The Black Turf

 É un proxecto miñoto de música reggae, que interpreta temas en galego-portugués cargados de compromiso social que nos farán viaxar de Brasil a Xamaica.

 Influenciados polo seu traballo con artistas e bandas lusófonas, presentan un repertorio con composicións e colaboracións con artistas da escena reggae do Brasil.

 Xis Conecction trae un directo cheo de forza e enerxía, con temática reivindicativa, que nos fala da corrupción, da pobreza, das inxustizas e dos problemas sociais. Música que fai bailar pero tamén reflexionar sobre o que está a acontecer no planeta.

PRÓXIMOS CONCERTOS

Venres 3 de setembro ás 21:00h – Bruce Grinn + The Mirror

 Bruce Grinn, é un músico independente, con raíces ancestrales en A Guarda, ainda que formado como músico en Inglaterra, onde tocou en bandas locais, e se estableceu en 2011 na nosa vila compartindo - con Daniel Alonso -, escenario no grupo The Loopholes, moi ben acollido pola prensa musical galega. No 2017 decidiu embarcarse en solitario nun novo proxecto musical mais ambicioso, logrando seu  debut discográfico con “Fustian Fumes” (2018). Son 8 temas de rock-alternativo e un son endurecido, en relación aos seus traballos anteriores. O disco conta coa colaboración de varios músicos entre os que destaca Tania González Braga (The Mirror) nas voces, quen aporta solidez e calidez vocal.

 En directo, Bruce, acompañado tan só dunha guitarra acústica e algo de percusión, nos ofrecerá o seu lado mais íntimo, entre a canción de autor propia do indie-folk e o rock dos anos 90.

 The Mirror, será o encargado de pechar a velada, co seu repertorio de temas propios con influencias do rock, funk e o soul. Este grupo, formado no 2018 unificando as diferentes traxectorias dos seus compoñentes, xa estiveron no Mercado da Música celebrado nos Xardíns do Centro Cultural, así como en diferentes festivais da provincia como Solpor no Mosteiro (Oia) ou Sons do Casco (Baiona).

 

Sábado 18 de setembro ás 21:00h – The Charráns + Zalomon Grass

The Charráns (A.K.A, los charranes) é un grupo De A Guarda nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco “Punk furtivo” da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos, no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición. Criáronnos dicindo que poderíamos ser ricos, ser famosos, cortar o bacallao e triunfar na vida, pero todo era mentira. Só uns poucos poden ser ricos e ao resto, tócanos sementar patacas, facer pan, ir ao mar ou construír esas casas que nunca teremos, ao resto tócanos ser Charráns.

 Zalomon Grass e o seu desbordante blues cósmico vém a sacarnos da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Se te gustan os power tríos dos vellos tempos, esta é a túa banda.

 Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.

 

Reserva de entradas na seguinte ligazón:

https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda

Ningún comentario:

Publicar un comentario