19 de xul. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño investirá máis de 100.000 euros na renovación do tramo municipal da estrada de San Salvador de Tebra   

· Ademais, dotarase ao vial dunha senda peonil, pavimento e arboredo novos para mellorar a estética do mesmo   


Casa do concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “Mellora do vial San Salvador de Tebra” que consistirán na renovación completa do vial SST-001, de titularidade municipal, no tramo 0-0,2km.  

 O Concello pretende acometer, dando tamén resposta á unha demanda veciñal, a renovación da urbanización do tramo inicial do vial ata o cruzamento onde está situado o centro social e a igrexa parroquial. Debido ao mal estado de conservación da estrada, sobre todo, no espazo destinado a beirarrúas de uso peonil, se aproveitará para renovar tamén a estética do vial, creando unha nova senda para peóns.  

 As obras, que terán un custe de 107.366,02 euros, incluirán a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e de vehículos.  

 Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.  

 Ademais, dotarase de pavimentos e arboredo novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética, uniformándoa coas actuacións realizadas na contorna da igrexa e do centro social de Sal Salvador de Tebra.   

 “Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopa na actualidade”, precisa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario