21 de xul. de 2021

OIA

Volve a Oia o obradoiro de teatro veciñal, cun formato adaptado ás circunstancias da COVID  

· As sesións concentraranse no mes de setembro. O prazo de inscrición está aberto  

· As distintas pezas elaboradas no obradoiro representaranse no interior do Mosteiro de Oia  

  

Participantes e público na experiencia das visitas dramatizadas ao Barrio do Arrabal, en 2019

Foto: C.O. 


Infogauda / Oia

 O obradoiro de teatro veciñal de Oia volve este ano cun formato adaptado ás circunstancias derivadas da COVID-19. Grupos reducidos e representacións en espazos onde se poidan delimitar os correspondentes aforos son algunhas das novidades que incorpora a iniciativa deste ano. Así, a representación das distintas pezas dramáticas elaboradas polas persoas participantes no obradoiro desenvolverase o 25 de setembro no interior do Mosteiro de Oia.  

 Co obxectivo de garantir a máximas medidas de seguridade no contexto actual de pandemia, o obradoiro incorporará unha serie de cambios respecto a edicións anteriores: celebraranse distintas sesións con grupos reducidos (en función das restricións en vigor en cada momento) e a formación e ensaios concentraranse os venres e sábados do mes de setembro (4-5, 11-12, 18-19 e 24-25) no Centro Sociocultural de Pedornes.  

 As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro deberán presentar unha solicitude no Rexistro do Concello de Oia. As prazas son limitadas e o prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de agosto.  

“6x6 Punto de encontro”  

 O obradoiro de teatro veciñal enmárcase no proxecto “6x6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” organizado polo Concello de Oia e que forma parte do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Na edición deste 2021, que se desenvolverá baixo a coordinación de A Artística, as temáticas do obradoiro xirarán arredor da posta en valor do patrimonio local, o Camiño de Santiago e a visibilización das mulleres ao longo da historia.  

 A representación das pezas resultantes no obradoiro, en formato de visita dramatizada, terá lugar no interior do Mosteiro de Oia e o aforo será limitado. A xornada de representacións será o 25 de setembro, no marco das festas locais de San Cosme e San Damián.   

 Ademais do obradoiro as representacións no Mosteiro, a programación cultural do proxecto “6x6 Punto de Encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores” incluirá, como actividade complementaria, un paseo con guía oficial polo barrio histórico, onde se darán a coñecer diferentes momentos da historia local protagonizados por mulleres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario