19 de xuño de 2021

O ROSAL

O Rosal dá voz á súa memoria máis viva   

· A alcaldesa presentou no auditorio municipal un proxecto que busca a recompilación do patrimonio inmaterial vivo contado en primeira persoa

· Marcola González e Nemesio Castro son os protagonistas dos primeiros vídeos e libros da iniciativa, que terá carácter plurianual 


A alcaldesa Ánxela Fernández - no centro da imaxe - xunto a Nemesio Castro e Marcola González, na presentación do proxecto ‘Memoria Viva’, no Auditorio Municipal do Rosal 

Fotos: C.O.R.

O evento, guiado polo rosaleiro Javier Lago, contou coa presenza de familiares e amigos dos protagonistas, así como da deputada Victoria Alonso; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; de representantes da corporación municipal e dun cento de veciños e veciñas

Infogauda / O Rosal

 Nun emotivo acto no auditorio municipal, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou este venres o proxecto ‘Memoria Viva’, unha iniciativa “que xorde do convencemento de que era fundamental traballar na recuperación e recompilación dese patrimonio inmaterial vivo que teñen atesourado as nosas persoas maiores para que non caia no esvaecemento”. Un proxecto plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal e que recollerá en vídeos documentais e libros as testemuñas e vivencias dos veciños e veciñas doutros tempos, a súa visión de momentos históricos ou a forma de vivir doutros tempos.  


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, nun momento da súa intervención no acto de presentación do proxecto plurianual ‘Memoria Viva’

 “Damos un paso importantísimo, porque non só queremos recoller pouco a pouco ese patrimonio inmaterial que temos, senón que temos a oportunidade de facelo cos seus protagonistas contándoo en primeira persoa. Esta memoria está viva e ese é un valor diferencial deste proxecto, xa que estamos afeitos a recoñecementos póstumos”, salientou a rexedora. Este proxecto terá continuidade anual e carácter plurianual xa que “hoxe damos un paso moi importante que ten que perdurar no tempo. Traballamos con material moi delicado e faremos un esforzo por recoller a tantas persoas maiores como nos sexa posible, a tantos avós e avoas do Rosal que teñen tanto que contar sobre un pasado que explica porque somos quen somos”. 


Nemesio Castro acompañado de súa dona, recibiu de mans da alcaldesa un ramo de frores, agasallo do Concello do Rosal

 Nemesio Castro (91 anos) e Marcola González (97) son os protagonistas da primeira edición deste proxecto de temática transversal no que se recolle “o punto de vista de dúas persoas tan implicadas sobre a realidade que lles tocou vivir no noso pobo”.  Por un lado, Nemesio, “un home a que case todo o mundo coñece polo extrovertido que é e porque sempre que fala do Rosal faino con orgullo e paixón. É parte do legado do noso pobo e ten un vínculo moi especial cun valor patrimonial fundamental para nós como son os muíños do Folón e do Picón, porque como el mesmo di non sei se fun do muíño para casa ou de casa para os muíños porque os muíños son a súa casa”.  


Marcola González, acompañado de seu fillo, recibiu de mans da alcaldesa un ramo de frores, agasallo do Concello do Rosal

 Por outro, Marcola, “a tendeira de Novás, a tenda que era o centro de operacións de todo o barrio. Unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi dous ou tres pasos por diante da realidade que lle tocou vivir. É unha muller que na súa vida foi rachando barreiras e teitos de cristal. Aprendeu a ler naqueles tempos, sacou o carné e aprendeu a nadar de maior..., e acredita a forza da xente nova para construír o futuro”.  

 Despois de visualizar os dous primeiros vídeos documentais do proxecto, a alcaldesa fixo entrega de dous ramos de flores a Marcola e Nemesio. O Concello quixo tamén sorprender ao muiñeiro máis coñecido do Rosal, que xusto cumpre 91 anos este 19 de xuño: o director da Banda de Música, Javier Alonso, e o seu alumno Rubén tocaron ao piano e ao saxofón a melodía do ‘Aniversario feliz’ mentres todo o auditorio lle cantaba.  



Marcola González - no centro da imaxe -, asinando exemplares dos libros editados polo Concello do Rosal

Nemesio Castro - no centro da imaxe -, asinando exemplares das publicacións editadas polo Concello do Rosal

 A alcaldesa quixo agradecer especialmente ás súas familias “a implicación, a colaboración e o agarimoso esforzo para conseguir sacar adiante este proxecto que nos enche de ilusión”. O evento, guiado polo rosaleiro Javier Lago, contou coa presenza de familiares e amigos dos protagonistas, así como da deputada Victoria Alonso; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; de representantes da corporación municipal e dun cento de veciños e veciñas, situados na platea e no palco, respectivamente, do Auditorio Municipal do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario