21 de xuño de 2021

CULTURA

CINEMA

A profesora Beli Martínez é produtora de ‘Sycorax’, seleccionada na Quincena dos Realizadores  

Das aulas de Ciencias Sociais e da Comunicación á alfombra vermella de Cannes 

É unha das tres producións españolas que se exhibirán no festival


A profesora e produtora Beli Martínez, de A Guarda

EDUARDO MUÑIZ / DUVI PONTEVEDRA   

 Egresada da Facultade de Ciencias da Comunicación, onde exerce como profesora asociada, o labor como produtora de Beli Martínez levaraa no mes de xullo ata o Festival Cannes. A curtametraxe Sycorax, dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e que produciu xunto co portugués Rodrigo Areias, é un dos tres filmes españois que forman parte da programación da 74 edición do prestixioso festival francés. “Cannes é un festival que todo o mundo coñece, que como elemento de promoción é impresionante”, recoñece Martínez da selección deste filme para a Quincena de Realizadores dun festival “que é o referente a onde todo cineasta aspira chegar nalgún momento”.  

 Cunha traxectoria profesional estreitamente ligada ao Novo Cinema Galego, que centrou tamén a súa tese de doutoramento en Comunicación pola Universidade de Vigo, Martínez salienta a “sorpresa” que supuxo para o equipo de Sycorax ser unha das nove curtametraxes seleccionadas para a Quincena dos Realizadores. “Era un proxecto co que levabamos tempo traballando e que tampouco tiñamos amosado, polo que non sabíamos se ía gustar ou non”, sinala a produtora e docente, que recoñece que “a primeira persoa allea ao proxecto que viu a curta foi o programador da Quincena das Realizadores”.   

Un recoñecemento ao Novo Cinema Galego 

 Filmes como Longa Noite, de Eloy Enciso, premiada en 2019 no Festival de Locarno, Vikingland, de Xurxo Chirro, ou Arrianos, tamén de Enciso, forman parte da traxectoria como produtora de Martínez, vinculada, como ela mesma recoñece, a un “tipo de cinema moi concreto” que tamén ve referendado nesta selección. “Moitas veces, sinceramente, valórase como algo negativo o risco nas formas narrativas presentes neste tipo de propostas, pero no momento no que estás seleccionado no festival máis importante do mundo, é incuestionable que o que estás a facer algo de sentido deber ter”, sinala. De feito, Lois Patiño que dirixiu esta curta xunto co arxentino Matías Piñeiro, converterase en xullo no cuarto cineasta galego seleccionado en Cannes, tras Carlos Velo, Óliver Laxe e Alberto Vázquez.  

 Nese senso, Martínez incide en que aínda que “a etiqueta o marca do Novo Cinema Galego, poida parecer moi solvente”, polo “posicionamento internacional” dalgúns dos seus referentes, este continúa a ser un tipo de cinema nunha posición “moi feble” no referido a “busca de financiamento e apoios” para levar a cabo novas producións. “Aínda hai certo cuestionamento ou certa reticencia a este tipo de proxectos”, sostén, a pesares de que “é o cinema que máis se está internacionalizando e que ademais fala do noso dun xeito moi interesante, que é unha forma de amosarnos complexa e rica”.  

Shakespeare en Azores 

 Rodado nas Azores, Sycorax é unha curta que ten como protagonista á personaxe do mesmo nome que aparece mencionada en A tempestade, de Shakespeare, como un espírito que encerra nunha árbore a Ariel, nome á súa vez do proxecto de longametraxe conxunta entre Piñeiro e Patiño do que naceu esta curta. “É como unha especie de precuela do que vai ser Ariel, que nos serviu para probar moitas cousas”, explica a produtora dun proxecto que buscaba tamén servir para probar sobre o terreo, na propia illa na que está prevista a rodaxe da longametraxe, como sería o traballo conxunto destes directores. Con esa idea, explica, avogaron por “coller unha parte que xa descartaramos para a película e desenvolvela”, dando como resultado, engade, un filme que mestura realidade e ficción e no que se entrelazan “dous universos moi diferentes”. Por unha banda, explica, o de Lois Patiño, máis centrado “na observación e na paisaxe”, e, por outra, o de Matías Piñeiro, que pon o foco “no teatro, o diálogo e no discurso” e que ten nas personaxes femininas de Shakespeare un dos seus eixos de traballo.  

 

Fotograma de Sycorax

 Rodada hai dous anos nas Azores, a finalización de Score viuse adiada primeiro polo traballo de Patiño en Lúa Vermella e de Piñeiro en Isabella, longametraxes que levaron a ambos á Berlinale, e posteriormente pola covid-19. De feito, non foi ata o pasado mes de marzo cando se puideron levar a cabo os traballos de posprodución que permitiron presentala ao Festival de Cannes, que acollerá a súa estrea mundial. Nese senso, Martínez agarda que esta selección axude tanto ao posterior percorrido de Sycorax como ao desenvolvemento de Ariel. “Axúdanos porque dá a coñecer o proxecto, porque estamos aínda na busca de financiamento e porque comprobamos que os dous directores xuntos funcionan, pero tamén condiciona, porque está claro que agora hai certas expectativas coa longa”, recoñece.  

Un labor “descoñecido” que levar as aulas 

 Profesora asociada do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, a experiencia como produtora constitúe tamén un elemento que pode contribuír á formación do alumnado de Comunicación Audiovisual. En primeiro termo, recoñece, porque se trata dunha “figura descoñecida” dentro dos equipos audiovisuais, que implica tanto traballos de carácter máis técnico, como, en moitas ocasións, “ir tomando decisións que inflúen a nivel creativo”, desde a propia escritura do guión á rodaxe e posprodución. “Na formación ten que haber unha parte de teoría, obviamente, pero creo que poder amosarlles a experiencia, coñecer de primeira man a estrutura, os procesos..., é un coñecemento práctico que tamén é moi interesante”, salienta esta docente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario