A Xunta de Galicia presenta en Fitur o percorrido de la Vuelta 21 en Galicia nunha edición especial que remata no Obradoiro neste Xacobeo
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a competición converterase nun escaparate perfecto para dar a coñecer a comunidade como destino turístico a nivel internacional neste Ano Santo Dobre
Animou a visitar a comunidade e desfrutar en primeira persoa dun destino seguro, sostible e de calidade, da experiencia do Camiño de Santiago e das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas que se verán durante a retransmisión da proba
Infogauda / Madrid
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid do percorrido pola xeografía galega das 3 últimas etapas de “La Vuelta 21”. Trátase dunha edición especial que entre o 3 e o 5 de setembro permitirá amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas.
Ademais, na etapa final emulará os pasos que seguen os peregrinos no tramo final antes da súa chegada a Compostela entre Padrón e a praza do Obradoiro, onde rematará este ano a proba raíña do ciclismo en España.
Alfonso Rueda destacou que a competición converterase no escaparate perfecto para amosar Galicia en todo o seu esplendor e promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático. Por iso, animou a visitar Galicia e desfrutar en primeira persoa da experiencia do Camiño e das paisaxes que se poderán ver a través das retransmisións das 3 etapas que percorrerán a comunidade galega.
Deste xeito, sinalou que Galicia ten moito que ofrecer neste Ano Santo Dobre cun destino seguro, de calidade e sostible ao que volven os que visitan a comunidade porque é o mellor lugar do mundo. Ademais, engadiu que cumpre cos valores que están a demandar os turistas na actualidade debido á covid-19 con espazos abertos e en contacto coa natureza.
Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario