31 de maio de 2021

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA REXEITA O MODELO  EÓLICO DA XUNTA DE GALIZA  

· A  proposta presentada polo BNG contou co apoio unánime da Corporación Municipal

 

Xosé Manuel Méndez Díaz - no centro da imaxe -, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, no momento en que defendeu á proposta para rexeitar o modelo eólico da Xunta

Foto: Extraída da canle de YouTube do Concello de A Guarda

 Infogauda / A Guarda

 En sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado venres día 28 de maio de 2021, a Corporación Municipal do Concello de A Guarda, aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal do BNG "para rexeitar o modelo eólico da Xunta de Galiza". No texto da moción afírmase que "a expansión eólica sen precedentes que se está levando a cabo,  faise  sen control público e sen respecto polo noso patrimonio e  medio natural". Incide  ademais que "en moitos casos lévase adiante a través dunha fraudulenta fragmentación dos proxectos en proxectos máis pequenos para ocultar o seu verdadeiro impacto".  

 O concelleiro nacionalista Xosé Manuel Méndez Díaz, encargado de defender a proposta, nun momento da súa intervención afirmou que “este modelo non está feito para beneficiar as comunidades de montes, nin aos Concellos, nin para industrializar este país, nin para baixarnos o recibo da luz aos galegos e galegas, está feito para que unha vez máis poñamos  o nos territorio ao servizo das grandes eléctricas, que ven na enerxía verde un grandísimo negocio para seguir sumando dividendos”.  

 O acordo plenario recolle "que se debe aprobar un novo plan sectorial eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación e comunidades de montes)".  

 Esixe tamén que "as novas instalacións se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e  emprego no país".  Defende asimesmo "o incremento da vixilancia medioambiental para evitar as afectacións negativas ao patrimonio natural e a biodiversidade".  

 Destaca ademais "a necesidade de impulsar as medidas que garantan a socialización dos beneficios apostando pola constitución dunha empresa pública galega de enerxía que fomente a participación da Xunta e dos  concellos galegos así como dos propietarios das terras e comunidades de montes para que a riqueza que produce reverta  no noso país".

Ningún comentario:

Publicar un comentario