Peche temporal do albergue municipal de A Guarda debido a obras
• Realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda informa que a partires de mañá venres 14 de maio, o albergue municipal estará pechado temporalmente debido ás obras de reforma e ampliación dos vestiarios.
Esas obras, que arrancarán nos vindeiros días, realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos nesas instalacións municipais, onde os aseos existentes atopánse xa moi deteriorados e nun espazo moi reducido.
Desde o equipo de goberno local indican que "deste xeito optouse por realizar unha ampliación dos mesmos, contando tamén cun baño accesible, durante o transcurso das obras retiraranse todos os elementos eléctricos, carpinterías, pavimentos e alicatados para realizar a súa total renovación.
As obras inclúen tamén un sistema de extracción e renovación do aire deste recinto".
Como xa informamos oportunamente, esa actuación está subvencionada a través do Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 Liña 1 da Deputación de Pontevedra.
Desde este xornal dixital transfronteirizo consideramos que as devanditas obras deberían haberse feito en tempo e forma. E decir, oportunamente, pois tempo para realizalas houbo dabondo. Por exemplo cando estabamos nunha situación de peche perimetral a nivel da nosa Comunidade Autónoma e cos pasos fronteirizos de Caminha e Vila Nova de Cerveira pechados. Facelas agora, precisamente cando xa estamos vendo novamente peregrinos que están facendo o Camiño Portugués pola Costa, indica que alguén con responsabilidades públicas non fixo os deberes cando tiña que habelos feito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario