O Concello de A Guarda adxudica a reforma e ampliación dos vestiarios do albergue municipal
• Estas obras realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos na vila
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de adxudicar mediante contrato menor, a reforma e ampliación dos vestiarios do albergue municipal por un total de 36.663€ á empresa Obras y Reformas J. Ramón Vicente Vicente.
Estas obras, que arrancarán nos vindeiros días, realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos no albergue municipal da localidade, onde os aseos existentes atópanse moi deteriorados e nun espazo moi reducido.
Deste xeito, segundo vén de comunicar o equipo de goberno municipal, optouse por realizar unha ampliación dos mesmos, contando tamén cun baño accesible, durante o transcurso das obras retiraranse todos os elementos eléctricos, carpinterías, pavimentos e alicatados para realizar a súa total renovación.
As obras inclúen tamén un sistema de extracción e renovación do aire deste recinto.
Esta actuación está subvencionada a través do Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 Liña 1 da Deputación de Pontevedra.
A GUARDA, Á PRIMERA VILA GALEGA QUE COÑECEN OS USUARIOS DO CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA
O Camiño Portugués pola Costa, cun forte incremento de peregrinos nos anos previos á pandemia da Covid-19, propiciou que moitas persoas procedentes de todos os continentes do mundo, optasen pos pernoctar na Guarda coma primeiro lugar de entrada en Galicia desa ruta atractiva xacobea. Así, no verán de 2019 o albergue da nosa localidade, chegou a estar no seu máximo de ocupación, cunha afluencia constante de peregrinos ao longo de toda a estación estival. Destaca o incremento nun 70% dos peregrinos aloxados no albergue dende a oficialización en 2016, por parte da Xunta de Galicia, do Camiño Portugués pola Costa ata o 2019.
A Guarda, localidade de privilexiada ubicación, é a primeira vila galega que coñecen os peregrinos que adoitan transitar pola ruta xacobea da Costa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario