29 de abr. de 2021

O ROSAL

O Concello traslada ao delegado territorial da Xunta as necesidades do Rosal  

· Alcaldesa e concelleiros reuníronse con Luis López para abordar temas como os desaxustes no transporte público, as necesidades no eido educativo, sanidade e dependencia, así como o proxecto de continuación da senda dende Marzán a Fornelos   


A alcaldesa e concelleiros do grupo de goberno do Concello do Rosal mantiveron unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, mantivo este xoves xunto a varios concelleiros unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, un encontro institucional no que o Goberno municipal aproveitou para trasladar ao delegado as necesidades de mellora detectadas no concello en diferentes eidos como a educación, o transporte público, a sanidade, a dependencia ou as infraestruturas.  

 Neste sentido, a rexedora explicou a aposta do Concello pola recuperación patrimonial das escolas unitarias do Rosal, nas que se está levando a cabo un proxecto de piloto de rehabilitación enerxética co obxectivo de reducir custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Afondando neste mesmo eido educativo, Ánxela Fernández expuxo ao delegado territorial as necesidades de transporte ás que se enfronta o CRA María Zambrano para poder ofertar o servizo de comedor. “É unha problemática que xurde dunha nova realidade, como é a da necesidade de implementar o servizo de comedor no CRA. O Concello subvenciona o 25% deste transporte e a ANPA está a facer un importante esforzo para levar adiante o servizo, por iso solicitamos á Xunta que colabore con esta cuestión na que ten plena competencia”, salienta a rexedora.  

 Durante a reunión, alcaldesa e concelleiros tamén abordaron os importantes desaxustes que está a sufrir o Rosal no transporte público. Dende o Concello xa deron traslado á Xunta de Galicia das incidencias detectadas no municipio, como os problemas que está a padecer o alumnado que estuda no IES A Sangriña ou as eivas na comunicación dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda, entre outros.  

 Outros dos temas abordados durante o encontro con Luis López foi a situación da sanidade no municipio, que se enfronta a importantes necesidades en atención primaria agravadas nos últimos meses pola situación sanitaria actual. Como xa lle trasladara á Consellería de Sanidade, Ánxela Fernández lembrou os problemas cos rateos de persoal sanitario, a falta de infraestruturas e espazo e a necesidade dunha mellora urxente nos equipamentos. 

 A alcaldesa quixo trasladar tamén ao delegado territorial a realidade á que se enfrontan os municipios no campo da dependencia, un servizo de vital importancia cun importante incremento de prezo que están a asumir por enteiro os concellos. “Dende o Goberno local temos clara a necesidade de apostar por mellorar este servizo, que para nós é fundamenta. Este ano incrementamos o número de horas e asumimos a diferenza de custos cun aumento na partida destinada nos orzamentos municipais”, explicou. 

 Por outra banda, na reunión tamén se solicitou a continuidade da senda peonil da estrada PO-353 cun segundo treito que vaia dende Marzán ata Fornelos. 

 O representante autonómico, que recolleu as peticións e necesidades para a Xunta trasladadas pola rexedora, comprometeuse a xestionalas e interesarse polo seu estado coas distintas consellerías e a informar das opcións de execución ao Concello do Rosal.  

 Tras o encontro, o delegado territorial destacou a “aposta” que está a facer o executivo autonómico polas infraestruturas e os servizos públicos deste municipio do Baixo Miño “para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza” e citou que as principais actuacións estanse a realizar na rede viaria, os servizos sociais, as emerxencias e o medio ambiente

 Así, indicou que a mellora do firme da estrada autonómica PO-552 ao seu paso polo concello rosalino e outros do sur da provincia atópase en fase de contratación por 1,8 millóns de euros e que vén de concederse unha partida de 34.854€ para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco.  

 Tamén se lle outorgou un remolque de emerxencias para mellorar a atención cidadá e, xa no eido da política social, aumentáronse as horas do Servizo de Axuda no Fogar en case 2.500 anuais, o que supón un 17,2% -un dos incrementos máis elevados da provincia-, e habilitáronse novamente 61 plazas na escola infantil autonómica para o vindeiro curso.  

 Finalmente, a Xunta vén de catalogar como árbores senlleiras o conxunto de sobreiras da Magdalena e, no apartado de investimentos medioambientais, concedeu 78.000 euros para mellorar a separación e reciclaxe de residuos, o que vaille permitir ao Concello do Rosal mercar 500 composteiros para a veciñanza, e para habilitar un espazo municipal destinado ao intercambio e reutilización de cousas.  

 “Creo que o compromiso da Xunta co Rosal é incuestionable, como se ve con todas as iniciativas en marcha, e ademais terá continuidade, xa que os Orzamentos da Xunta 2021 reservan, de xeito específico e directo, alomenos 443.000€ para o municipio”, concluiu o delegado territorial.

 A alcaldesa agradeceu a visita do delegado territorial e amosou o seu compromiso de colaboración coa institución autonómica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario