13 de out. de 2025

OIA

A XUNTA DE GALICIA AUTORIZA A TRANSFERENCIA A PROL DO CONCELLO DE OIA DE TRES ANTIGOS TREITOS DA ESTRADA PO-552 CON FUNCIONALIDADE ESTRITAMENTE LOCAL 

• Transfírense á Administración local o treito antigo de 220m de lonxitude, que conecta a PO-552 na súa marxe esquerda, á altura dos quilómetros 22+530 e 22+710, e o treito antigo de 848m á altura dos quilómetros 27+700 e 28+440 

 Neste acordo, inclúese tamén a transferencia do treito antigo de 136 metros que conecta a PO-552 na súa marxe dereita, á altura dos quilómetros 34+110 e 34+230 

• A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades provinciais e locais 

• Co cambio de titularidade o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a súa conservación e mantemento 

• O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico terá efecto desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia 




Planos dos treitos antigos da estrada PO-552 obxecto do cambio de titularidade autorizado hoxe

Infogauda / Oia

 O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Oia de tres treitos antigos da estrada autonómica PO-552, xunto co seu dominio público viario, que serven fundamentalmente de acceso aos predios lindeiros, sendo a súa funcionalidade estritamente local. 

 Trátase, concretamente, do treito antigo de 220 metros de lonxitude, que conecta a PO-552 na súa marxe esquerda, á altura dos puntos quilométricos 22+530 e 22+710, e do treito antigo de 848 metros, que conecta a estrada autonómica na súa marxe dereita, á altura dos puntos quilométricos 27+700 e 28+440. 

 Neste acordo inclúese tamén a transferencia do treito antigo de 136 metros que conecta a PO-552 na súa marxe dereita, á altura dos puntos quilométrico 34+110 e 34+230. 

 O Concello de Oia e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de infraestruturas, acordaron a transferencia de titularidade destas vías. 

 A transferencia destes treitos a prol do Concello de Oia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. 

 O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades provinciais e locais.

 Co cambio de titularidade, o Concello de Oia terá a competencia para actuar nestes treitos antigos da estrada autonómica PO-552, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario