O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán amplía a súa colección de grilos ao recibir 500 novos exemplares da Asociación Biodiversidade en Galicia
Esta doazón permitiu practicamente duplicar o número de especies coñecidas en Galicia deste grupo de insectos, convertendo esta colección nunha das máis completas da nosa comunidade
Foto: X.G.
Este centro dispón de máis de 85.000 pregos de plantas vasculares, 25.000 de fungos y máis de 8.000 de insectos de diferentes ordes
Infogauda / Pontevedra
O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, acaba de recibir unha doazón por parte da Asociación BIGA – Biodiversidade en Galicia con máis de 500 exemplares de grilos preparados, estendidos e agrupados por especie.
Esta doazón permitiu practicamente duplicar o número de
especies coñecidas en Galicia, posto que ata o de agora só se tiña
constancia de oito especies e agora este número elévase a 14, o que fai
desta colección unha das mellores e máis completas deste grupo na nosa
comunidade. A importancia desta colección vén dada porque o número de
exemplares en coleccións de institucións oficiais é máis reducida ou
reúne unha pequena parte de todas as especies coñecidas.
Neste
senso, cabe sinalar que os grilos teñen unha gran importancia agrícola
porque algunhas especies son boas bioindicadoras medioambientais e as
súas poboacións revelan unha boa conservación do medio. E, en xeral, os
artrópodos teñen un innegable interese forestal, xa que poden actuar
como favorecedores do desenvolvemento das masas forestais.
Así,
este material enriquece as coleccións existentes de flora vascular
(cedida polos investigadores Merino, Gómez Vigide, García Martínez, BIGA
e recoleccións propias), de material micolóxico (de Fernández de Ana
Magán, Freire, Castro Cerceda) e das coleccións de coleópteros
(Scolytinae) da doutora María Josefa Lombardero; así como outros
exemplares de diversas familias aportados por investigadores do CIF de
Lourizán e membros da Asociación Biga.
Actualmente, o CIF de Lourizán dispón de máis de 85.000 pregos de plantas vasculares, 25.000 de fungos e máis de 8.000 de insectos de diferentes ordes (coleópteros, lepidópteros, neurópteros, etc.).
Ningún comentario:
Publicar un comentario