O Concello do Rosal pon en marcha un novo Consello Municipal para traballar a prol do medio ambiente
· Integrado por representantes de persoas e representantes de asociacións relacionadas coa natureza e medio ambiente, este novo órgano consultivo permitirá reunir ideas e propostas sobre este eido
Captura de pantalla dun momento da reunión de constitución do novo consello, celebrada por videoconferencia - Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O equipo de goberno municipal do Concello do Rosal continúa dando pasos para afianzar o seu “compromiso co medio ambiente, coa preservación da contorna e coa natureza”. Neste camiño acaba de constituírse o Consello Municipal de Medio Ambiente, un novo órgano consultivo integrado por persoas e representantes de asociacións relacionadas coa natureza e co medio ambiente que servirá como foro aglutinador de ideas, propostas, preguntas e respostas sobre as actuacións medioambientais que se están levando a cabo no concello, así como calquera outra cuestión relacionada con este eido. “Para nós é importante contar en todos os campos coa participación da veciñanza e do tecido asociativo, sempre tan participativo e unha das marcas de identidade do Rosal. E este novo consello municipal será unha ferramenta máis nese camiño que comezamos hai xa tempo cara un concello máis sustentable, realizando todos os cambios de forma estratéxica e planificada”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Na reunión de constitución deste novo consello, celebrada por videoconferencia, ademais da rexedora e dos concelleiros de Medio Ambiente e Participación Veciñal, Sara Vicente Salcidos e Ramón Fernández Leal, participaron tamén César Blanco, enxeñeiro de montes e integrante do departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela; Isaac González González, antigo presidente da comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Santa Mariña do Rosal; Patricia Muñoz Raña, empresaria e activista medioambiental; Manuel Sobrino Senra, autor do blog ‘El naturalista cojo’; Charo Tabales Perozo, concelleira de medio ambiente no anterior equipo de goberno e actual concelleira do PP; e Ignacio Ojea, que participou no Inventario de Recursos do Baixo Miño. O consello tamén contará coa participación de Carlos Villanueva Domínguez, concelleiro de Educación; Ignacio González Rivas, activista medioambiental; e Miguel Sousa, da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.
“Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto entre as persoas participantes e para explicar as liñas xerais das accións inmediatas que está a desenvolver o Concello no eido medio ambiental, referíndose especialmente aos proxectos postos en marcha grazas á consecución de dúas subvencións de arredor de 78.000€ de fondos Feder Galicia 2014-2020 para o fomento da compostaxe entre a poboación e para a creación dun espazo de autorreparación a través do que concienciar á veciñanza para ir cada vez máis cara modelos de economía circular, coa reparación, reutilización e intercambio de materiais como eixo central para alongar a vida útil dos obxectos. Este espazo tamén servirá como centro de divulgación medio ambiental onde se acollerán charlas relacionada coa reciclaxe, a redución, a reutilización,..., obradoiros e outro tipo de actividades relacionadas”, salientou á alcaldesa Ánxela Fernández.
Dende o Consello propuxéronse tamén novas ideas a ter en conta, como a importancia que debe ter a relación entre medio ambiente e educación, a oportunidade de destacar todas as posibilidades que ten o Baixo Miño como espazo natural ou temas a estudar nun futuro inmediato como o cambio climático, a enerxía eólica e os espazos públicos. Tamén, entre outros temas, se abordaron cuestións relacionadas coas rutas polo monte, propostas como forma para coñecer O Rosal. Neste sentido o Concello xa está a traballar coas comunidades de montes para explorar a posibilidade de sinalar os sendeiros dos que dispón o municipio. Durante a reunión tamén se propuxo ter un plan de traballo no que abordar as problemáticas identificadas dende unha perspectiva práctica e facer partícipe á veciñanza para que transmita as carencias ou necesidades que detecta.
Este é xa o sexto consello municipal que pon en marcha o equipo de goberno do Concello do Rosal tras o de Desenvolvemento Local, Igualdade, Deporte, Cultura e Educación, “cos que se busca crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario