A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda conta cunha sección de temática feminista
• Chámase “Punto Lila” e acolle exemplares de libros de autoras coma Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, entre outras
De esq. á der.: Mª Montserrat Magallanes, Marisol Diz, Antonio Lomba e Fátima Rodríguez, no “Punto Lila” da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda - Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, a concelleira de Educación Fátima Rodríguez Marcos e Marisol Diz Amil, responsable da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, veñen de dar a coñecer a posta en marcha do “Punto Lila”, ubicado nas instalacións da devandita biblioteca.
O “Punto Lila” é un espazo que acolle nestes momentos máis de 130 títulos de temática feminista nos que a muller, a igualdade e a coeducación son os protagonistas, atopando exemplares de libros de autoras consagradas coma Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, e tamén voces literarias máis novas, como Yolanda Castaño, Inma López Silva, África López Souto, Ángeles Caso, ...
Ata o de agora estes libros atopábanse en diferentes seccións da biblioteca e foron escolmados para formar parte desta nova sección, que se irá completando con outros novos exemplares que serán adquiridos proximamente para incrementar a oferta literaria da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda.
Para Mª Montserrat Magallanes "esta é unha nova iniciativa para pór en valor o papel da muller dentro da literatura e unha das accións enmarcadas nas propostas municipais para conmemorar o Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario