2 de feb. de 2021

MOBILIDADE

A Deputación de Pontevedra elaborará ‘Metrominutos' para os ‘Concellos Ágora'  

O deputado Uxío Benítez mantivo hoxe unha reunión con alcaldes e alcaldesas para presentar a ferramenta, que se adaptará ás características de dispersión dos núcleos e vilas da provincia 

Captura de pantalla da reunión telemática celebrada na mañá de hoxe, coa participación do deputado de Mobilidade e as alcaldesas e alcaldes de varios municipios da provincia - Fotos: D.PO.

 

Infogauda / Pontevedra  

 A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai elaborar ‘Metrominutos' para todos os ‘Concellos Ágora' que o soliciten. Así o confirmou hoxe o deputado Uxío Benítez Fernández, quen destacou que a iniciativa supón unha axuda aos municipios integrantes da rede de traballo provincial para fomentar a camiñabilidade  a través dunha ferramenta de comunicación xa recoñecida.  

 Benítez mantivo na mañá de hoxe unha reunión cos concellos e con persoal da Rede de Cidades que Camiñan (que realizará os deseños) para explicar as características do Metrominuto e como se pode aplicar aos diferentes municipios da provincia. O encontro contou coa presenza de representantes técnicos e políticos de trinta gobernos locais (da comarca de Pontevedra: Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama;  do Salnés; Meaño, Vilagarcía, Ribadumia e Meis; do Morrazo: Bueu, Marín e Vilaboa; de Vigo, Porriño, Nigrán, Gondomar, Salceda, Soutomaior e Mos; de Caldas: Valga, Moraña e Caldas; do Baixo Miño: O Rosal, Tui e Tomiño; do Condado- Paradanta: Arbo, Salvaterra e Mondariz ; e do Deza - Tabeirós: Vila de Cruces e Silleda) que se manifestaron interesados na proposta, remitindo xa as primeiras solicitudes formais, que se concederán por orde de chegada.  

 

Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade, na reunión telémática celebrada este martes día 2 de febreiro
 

 "A reunión foi un éxito. Esta é unha experiencia piloto que se vai probar, xa que o territorio da provincia de Pontevedra non é o mesmo que o de núcleos urbanos e compactos.  Temos que ver de que maneira melloramos iso e facemos metrominutos máis adaptados á nosa realidade dispersa", apuntou o deputado.  

 O metrominuto é dun mapa sinóptico (segundo o Dicionario da RAG, "(...) que ten unha disposición gráfica que permite ver dunha ollada as partes dun conxunto") deseñado cos códigos visuais dos mapas de Metro que mide distancias e tempos camiñando entre os principais  puntos de centralidade (servizos, prazas, parques, centros de barrio…)  de cada vila ou cidade de calquera tamaño.  

 A súa finalidade é desdramatizar a cultura do camiñar, poñendo en evidencia a proximidade entre lugares recoñecibles, ademais de resaltar a importancia de ir construíndo cidades compactas, densas e diversificadas, onde as necesidades da vida cotiá poden resolverse en traxectos curtos a pé.  

 O primeiro  metrominuto naceu en 2011 froito dun laboratorio de ideas sobre mobilidade peonil na cidade de Pontevedra e desde entón foron numerosas cidades as que optaron por adaptar esta idea á súa oferta informativa sobre mobilidade. En 2013 mereceu o Premio Intermodes da axencia homónima.   

 O deseño dos metrominutos da Rede Ágora contará coa colaboración da Rede de Cidades que Camiñan, que vai executar o deseño para cada un dos concellos. Nestes momentos está en elaboración xa un dossier explicativo específico para a rede Ágora e as características do territorio pontevedrés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario