22 de xan. de 2021

OIA

Os Socialistas de Oia solicitan a adhesión á Area Metropolitana de Vigo 

• E piden unha liña de axudas para os sectores máis afectados polas restricións sanitarias 

• Dúas mocións que cualifican de gran interese para os veciños e veciñas de Oia, e que serán defendidas no vindeiro pleno municipal do 28 de xaneiro polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE

 

Gerardo Rodríguez Refojos, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia, presentando por Rexistro as mocións

 

Infogauda / Oia

  O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia vén de presentar por Rexistro de entrada dúas mocións que serán defendidas no vindeiro pleno municipal do 28 de xaneiro. A primeira delas trata sobre a adhesión do municipio de Oia á Área Metropolitana de Vigo, e a segunda sobre a petición dunha liña de axudas para paliar o grave prexuízo que están a pasar os principais sectores económicos municipais debido á situación sanitaria motivada pola crise da pandemia da Covid-19.  

ADHESION DO CONCELLO DE OIA Á AREA METROPOLITANA DE VIGO   

EXPOSICION DE MOTIVOS:  

 A xestión mancomunada dunha serie de servizos entre os que destacamos: a promoción da economía o emprego na comarca, o  servizo da auga, a recollida do lixo, o turismo, os servizos sociais, a ordenación do territorio, a  planificación de infraestruturas e transportes (que como agasallo para a xente moza, ata os 21 años, a gratuidade do transporte dentro da área metropolitana) non cabe dúbida que implican unha serie de melloras para  o aforro do Concello o mesmo tempo que importantes beneficios para todos os veciños de Oia   

 Por todo iso, dende o Grupo Municipal Socialista de Oia propoñemos para a súa aprobación polo Pleno da Corporación o seguinte acordo para a solicitude de adhesión do Concello de Oia  a Area Metropolitana de Vigo.  

SOLICITUDE DE CREACIÓN DUNHA LIÑA DE AXUDA AOS SECTORES AFECTADOS POLAS RESTRICIÓNS SANITARIAS  

 Desde o inicio da pandemia algúns dos sectores produtivos desta provincia están a enfrontarse a unha realidade que os afoga cada día, facendo insostible a continuidade de moitas pequenas e medianas empresas vinculadas coa hostalería, o comercio, coas actividades de ocio e recreativas ou as axencias de viaxes, entre outras.  

 As dificultades son aínda maiores entre aquelas empresas que se ven sometidas ás restricións derivadas da pandemia con peches dos seus negocios ou limitacións de presenza, sendo o exemplo máis claro desa situación o da hostalería.  

 Compartimos que a toma de decisións para protexer a saúde da cidadanía ten que ser unha prioridade, pero non pode perderse o obxectivo de salvagardar tamén a economía de centos de miles de familias cuxos únicos ingresos dependen da súa actividade laboral.  

 A aplicación de modelos como o implantado en Alemaña, onde calquera restrición sanitaria ven acompañada de liñas de axudas para os sectores afectados,  ten que ser o modelo a seguir, todo máis nun momento no que a administración autonómica, que é a competente para ordenar ditas  restricións, ten ao seu dispor recursos para facer efectivas as axudas. 

 En Galicia, estamos en disposición de aplicar un modelo similar ao alemán e facerlle fronte non só á difícil situación económica das pemes desta provincia, senón tamén de protexelas fronte ás perdas derivadas das  restricións sanitarias aplicadas ate o momento, xa que durante o ano 2020 o Goberno estatal ten remitido á Xunta de Galicia recursos non reembolsables a través do fondo COVID estatal, para compensar a caída de ingresos pola redución da actividade económica, por valor de 224,10 millóns, e acaba de anunciar o reparto de 441 millóns de euros a través dos fondos de REACT-EU para que, entre outros obxectivos de carácter social, poida  prestar apoio en forma de capital circulante ou de apoio á inversión para as pemes.  

 Asemade, os Orzamentos de ingresos da Xunta de Galicia teñen crecido un 13,98% respecto ao ano 2020 grazas, na súa maior parte, ás novas transferencias que virán, de novo, a través dos fondos extraordinarios estatais  e dos fondos REACT-EU, o que vai supor a chegada de fondos extraordinarios para afrontar esta situación epidemiolóxica.  

 Así pois, a Xunta de Galicia dispón de recursos extra, que lle permitirán  dar as axudas que reclama o sector da hostalería e do comercio para  poder  afrontar as dificultades actuais e as que se van atopar a medio e longo prazo.  

 Non pode ser que a única iniciativa que puxo en marcha a Xunta ata o momento, fora habilitar unha axuda económica de 22 millóns que, ademais de resultar totalmente insuficiente, non está repartida na súa totalidade, nin alcanza as cantidades anunciadas para cada establecemento.  

 O mundo local desta provincia sempre nos mostramos dispostos e dispostas a axudar aos sectores afectados, mostra disto é que, sen competencias e sen ter recibido nin un so euro extraordinario para afrontar a crise, habilitamos todas as medidas que nos permite a lei, asumindo incluso competencias que non nos son propias.   

 Pero a realidade golpea con dureza á cidadanía e non podemos deternos, polo que  continuamos dispostos e dispostas a seguir traballando e a chegar a acordos interadministrativos, para consensuar  axudas, medidas e liñas de apoio dirixidas aos sectores afectados pola COVID 19 atendendo ao nivel competencial e económico de cada Administración.  

 Por iso, instamos a Xunta de Galicia a:  

• Aprobar un decreto de xeito urxente no que se contemple de forma inmediata axudas para os sectores afectados polas restricións sanitarias acordadas pola administración autonómica,  así como á creación dun procedemento urxente, áxil e sinxelo para facilitar o acceso inmediato aos sectores afectados a estas axudas a través dun portelo único, xestionado polos concellos, con todas as garantías de transparencia e equidade.  

• Eliminar e bonificar, tal e como pide o sector, o tramo autonómico do IRPF e o canon da auga, do  lixo e eólico, no caso no que aínda non o teña aplicado.  

• Adoptar o modelo alemán ante calquera nova restrición que a situación sanitaria obrigue e, deste modo, incluír nos mesmos decretos sanitarios o volume de axudas para facer fronte ás consecuencias que xera nos sectores afectados.  

 Instamos a Deputación de Pontevedra a:  

• Participar economicamente na liña de axudas aos sectores afectados na mesma porcentaxe sobre o orzamento provincial que a porcentaxe que aplique a Xunta a este fondo sobre o seu orzamento, nas condicións que se acorden nunha mesa institucional en canto a contías globais, destino e xestión desas axudas.  

• Manter e reforzar, se fose preciso, as liñas de actuación e programas que a Deputación ten en marcha para os sectores afectados, a saber “O teu primeiro emprego”, plans de formación, promoción do turismo e do consumo, e, se fora posible, a presentación de proxectos que beneficien a estes sectores do financiamento de fondos europeos, así como a flexibilización no uso dos recursos que chegan aos concellos para que estes poidan ser destinados ao establecemento dunha liña de axudas aos sectores máis afectados pola situación pandémica.  

 Pola súa banda o Concello de Oia, comprométese a:  

• Esixir á Xunta de Galicia que convoque unha mesa institucional na que se acorden as axudas, achegas e xestión das axudas.  

• Que a participación do Concello de OIA na liña de axudas destinadas aos sectores afectados sexa, no seu caso, coa mesma porcentaxe sobre o orzamento municipal que o que aplique a Xunta de Galicia sobre o orzamento autonómico.  

• Aplicar as rebaixas no recibo do lixo e da auga da hostalaría e o comercio local,  nos mesmos termos económicos que os aplicados de supresión ou bonificación da Xunta de Galicia sobre os cánones de auga e lixo (Sogama).  

• Apoiar o comercio e a hostelaría, tanto a medio como a largo prazo con  campañas de promoción para reactivación do consumo e promoción del turismo, a través de  medios on line y medios off line, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o  sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario