O Museo de Pontevedra adquire os orixinais do 'Álbum Nós' de Castelao
Por 650.000 euros, á familia de José Lino Sánchez
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer no día de hoxe que rematou os trámites para a compra do 'Álbum Nós' de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao á familia de José Lino Sánchez - que foi avogado, cofundador do Partido Galeguista e caseiro do egrexio polígrafo- por 650.000 euros para que as obras permanezan en propiedade do Museo de Pontevedra, onde se expoñen en depósito desde hai cinco anos.
Sobre o desexo da actual propietaria, María del Carmen Lino Álvarez-Quiñones, o representante da familia, Enrique Domínguez Lino afirmou: "A miña nai quería que a colección quedase en Pontevedra".
Segundo explicou o neto de José Lino, "a familia recibira varias ofertas de compra, rexeitando todas elas, incluso algunha proposta máis vantaxosa que a que ao final acordou coa Deputación de Pontevedra".
Neste sentido, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, agradeceu que os titulares da colección estivesen dispostos a vendela "a un prezo máis que razoable" tendo en cuenta que podería adquirir "un valor bastante máis alto".
Ademais de cualificar esta compra -xa só pendente da firma e a transferencia dos fondos- como unha "gran noticia para o Museo e para Pontevedra" porque "podería marcharse de Galicia se non fose pola vontade da familia", César Mosquera destacou que "se trata das obras máis importantes que podía adquirir a institución con todo o carácter simbólico e artístico que representa Castelao para esta entidade".
Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, afirmou que "sería unha traxedia que o Álbum Nós non quedara de maneira definitiva nestas instalacións dada a relevancia e transcendencia desta obra". Por iso cualificou esta adquisición como "unha extraordinaria oportunidade para reforzar a vinculación de Castelao co Museo, que conserva o maior legado do rianxeiro e que afianza así a súa posición de liderado e hexemonía en relación á súa obra, convirtíndose no centro de referencia do seu legado artístico e intelectual".
A Deputación e o Museo de Pontevedra mantiñan un "pacto de confidencialidade" coa familia Lino desde que o 'Álbum Nós' foi cedida en depósito en 2016 para a exposición "Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936". Entón, a conservadora Ángeles Tilve e a restauradora Mercedes del Campo dirixíronse a esta familia pontevedresa ante a posibilidade de que tivesen "algún debuxo ou obxecto de Castelao" pola "boa amizade" entre José Lino e o artista e ideólogo do galeguismo.
Finalmente, as 51 láminas realizadas entre 1916 e 1918 que Castelao "regalou" a José Lino "en recoñecemento ao seu traballo, lealdade e colaboración desinteresada con el", precisou Enrique Domínguez, "resultaron ser os orixinais da Colección Nós que durante anos permaneceran desaparecidos do gran público".
O descubrimento dos técnicos do Museo de Pontevedra resultou ser unha "gran sorpresa" para a familia Lino, para quen "a autenticidade desta obra era unha cuestión totalmente descoñecida e ignorada".
"Recomponse un pedazo da nosa historia", concluíu o vicepresidente da Deputación de Pontevedra ao desvelarse "non un secreto, senón unha reserva".
Ningún comentario:
Publicar un comentario