3 de xuño de 2020

MIÑO TRANSFRONTEIRIZO

OS CONCELLOS DO MIÑO LANZAN UN S.O.S. SIMBÓLICO DENDE A PONTE DA AMIZADE PARA ABRIR MÁIS PASOS NA FRONTEIRA QUE FACILITEN A MOBILIDADE DOS TRABALLADORES   

· A directiva do AECT Rio Minho asegura que a solución é unha “simple cuestión de medios” para os estados español e portugués: poñer controis con Garda Civil e GNR nos pasos máis transitados

· Destacan que haberá maiores garantías de seguridade sanitaria se a circulación dos vehículos se fai a través de varias pontes en lugar de concentrar o tránsito en Tui-Valença do Minho

Alcaldes, alcaldes e presidentes das câmaras municipais do Miño transfronteirizo, xunto con Uxío Benítez, deputado provincial e director do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, no acto revindicativo desta mañá, na Ponte da Amizade
Fotos: D.PO.


Infogauda / Goián / Vila Nova de Cerveira 

 Os concellos da fronteira do Miño, da man dos seus alcaldes e alcaldesas e do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, lanzaron hoxe un S.O.S. simbólico dende a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos que faciliten a mobilidade das e dos traballadores transfronteirizos a ambos lados da ‘raia’. A de hoxe foi a primeira protesta das e dos rexedores, que consideran “inxusto” que a fronteira que asume o 50% de todos os tránsitos en España e Portugal só teña habilitado un paso en Tui-Valença. Aseguran que a solución pasa se unicamente por poñer medios: controis da Garda Civil e dos GNR. “Mantendo todas as garantías, todos os controis sanitarios, pedimos máis pasos abertos”, subliñaron.  

 O acto reivindicativo destacou por ser a primeira acción conxunta das e dos 13 rexedores de ambos lados da fronteira (mandatarios/as de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçâo e Melgaço), ao que tamén se sumou o de Paredes de Coura (o ‘14’). A través dos seus voceiros manifestaron que continuarán coas protestas ata seren escoitados, tamén implicando á cidadanía, e incluso se negarán a celebrar a centenaria tradición do Acto de Recoñecemento de Fronteiras, ata que os gobernos centrais e responsables políticos escoiten e dean solucións ás súas reivindicacións.
  

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, na súa comparecencia diante dos medios de comunicación social, en presenza dos alcaldes e alcaldesas, así como dos presidentes das câmaras municipais dos concellos miñotos da ´raia´


 O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, lembrou que o 17 de marzo pecharon as fronteiras deixando unicamente 9 pasos abertos entre ambos estados, só permitindo o de Tui-Valença no Miño pontevedrés. Destacou a importancia da fronteira do Miño, que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o pasodo 50% dos vehículos de España e Portugal. “Estes alcaldes e alcaldesas representan unha poboación de 150.000 habitantes. Estamos a falar da fronteira con maior dinamismo social e económico de toda Europa”, subliñou.  

 Benítez destacou que a apertura de pasos para traballadores e traballadores vén xa do 28 de abril, cando os concellos fixeron unha declaración conxunta que se remitiu á Xunta de Galicia, e aos gobernos centrais español e portugues. “Queremos a apertura total para os traballadores transfronteirizos nos pasos. É unha cuestión de medios, de ter gardas civiles e GNR a controlar o paso transfronteirizo igual que en Tui e Valença”, destacou o nacionalista, que subliñou que nestes momentos estase a trasladar á xente traballadora o custe económico de aumentar en centos os quilómetros para ir traballar.   

 Outras das demandas é que a desescalada se faga coordinadamente para que haxa coherencia entre un lado e outro da fronteira. “Non ten sentido que se permita abrir a Fortaleza de Valença do Miño cando non poden pasar os clientes de toda a vida que son a xente galega”, explicou Benítez.   

Concentración en Vila Nova de Cerveira dos representantes dos concellos e câmaras municipais do Miño transfronteirizo


 Pola súa parte, o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, destacou que a protesta se debe a que “sentimos que estamos a ser obxecto dunha inxustiza tremenda por parte dos nosos Estados. Non están a darnos a atención que merecemos”. Salientou que dos 64 pasos que existen entre España e Portugal os cinco con máis movemento de vehículos están no río Miño: a primeira Tui-Valença do Minho, a segunda Salvaterra de Miño-Monçao e a quinta Tomiño-Vila Nova de Cerveira.  

 “Na miña opinión non estamos a salvagardar nin cuestións económicas, dende logo, nin moito menos cuestións sanitarias, porque se tivemos máis fronteiras abertas poderíanse controlar moito mellor quen pasa que xuntando todo nun único paso, coas aglomeracións e as colas interminables que vemos en Valença Tui”, insistiu, para finalizar asegurando que a día de hoxe “as dúas marxes están totalmente espidas. Os galegos non viven sen os portugueses e os portugueses non viven sen os galegos. A nosa economía está completamente morta. Os nosos traballadores pasan calvarios para ir traballar. Canto máis deixemos caír a nosa economía máis difícil será o retorno. Queremos que haxa controis sanitarios, queremos que haxa seguridade, pero esiximos que nos deixen pasar, como mínimo aos traballadores de todos os sectores”, dixo. 

 En canto ás cifras de impacto económico, Nogueira salientou que o AECT Rio Minho encargou un estudo á Universidade de Vigo, pero á falta dos resultados, dixo, “basta ser observadores para ver que está todo parado”. Indicou que só en Vila Nova de Cerveira hai 4.000 traballadores directos dos que mais do 20% son traballadores de Galicia. “Estes peches da fronteira son un problema. Os nosos gobernantes que están en Lisboa e Madrid aínda non coñecen esta realidade e non o ven como algo prioritario. A maioría das fronteiras non teñen a importancia económica que ten a do Miño”, finalizou.  

 Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, destacou dende a Ponte da Amizade que polo viaduto pasan 6.000 vehículos diariamente de xente que vai traballar, recibir servizos e comprar. “Moitos nestes momentos están obrigados a trasladarse 100 quilómetro para ir a traballar, a pasar unha hora e media ou dúas horas na retención do control do paso, madrugar,… Non pedimos excepcionalidades. Sabemos que a sanidade e a saúde é o primeiro. O que queremos é que non se repercutan os custes de non poñer uns guardas na fronteira sobre os traballadores transfronteirizos. Son eles os que pagan ese custe”, insistiu.  

 A alcaldesa destacou que a día de hoxe, ante as manifestacións dos gobernantes dos gobernos centrais “non vemos visos de solución”. “Só pedimos unha decisión administrativa: habilitar uns pasos transfronteirizos máis, sobre todo os de máis tráficos. É só poñer medios, incluso se pode poñer un horario. Calquera cousa que facilite que un traballador non teña que facer rodeos e retencións”, destacou, advertindo que é normal que haxa retencións, porque a medida que aumenta a actividade económica “cada vez máis tráfico, máis atasco, e a ponte de Tui Valença non dá para máis”.

A GUARDA

O Concello participará na presentación de #MiPlayaSinPlásticos 2020 

· Este xoves día 4 de xuño, ás 13:00 horas en formato webinar virtual

Panorámica da praia do Forte (Camposancos)
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda participará este xoves día 4 de xuño, ás 13:00 horas, na presentación do proxecto #MiPlayaSinPlásticos 2020. O evento desenvolverase nun formato webinar virtual (seminario en liña) no que estarán presentes, Jesús Calleja (aventureiro e presentador), Javier Solans (director xeral de Procter & Gamble (P&G) en España e Portugal), Rami Baitiéh (CEO de Carrefour en España), Gonzalo Anguita (director executivo en España de Forest Stewardship Council - FSC), María Cabrera (responsable de comunicación da Asociación Paisaje Limpio) e coma representante da Guarda, Sara Novegil Molina, técnica de medioambiente municipal.  

 A Guarda foi preseleccionada este ano polas súas praias, que no caso de O Forte (Camposancos) e Area Grande, lucen dende fai anos o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.  

 As devanditas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.  

 O obxectivo de #MiPlayaSinPlásticos, que en 2019 rexistrou máis de 300.000 votos, é promover e aumentar a concienciación medioambiental en torno ao abandono incontrolado de residuos nas nosas praias e paraxes costeiros. E neste ano 2020, aínda con maior motivo, por estes tempos derivados da emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19, onde somos testemuñas do efecto que o ser humano ten no estado do entorno natural. Por iso, pensando no regreso, debemos seguir traballando para conservar o acadado e seguir contribuíndo a acadar un mundo cada vez máis responsable.

A GUARDA

A Oficina de Xestión Tributaria retomará a atención presencial 

A partires do día 8 de xuño 


A Oficina de Xestión Tributaria está na rúa José Manuel Andreini, na confluencia coa rúa Galicia
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Goberno Municipal do Concello de A Guarda vén de facer público que a Oficina de Xestión Tributaria retomará o servicio de atención presencial a partires do día 8 de xuño, aínda que exclusivamente con cita previa e para a realización de xestións estritamente necesarias e que non podan realizarse doutro xeito.  

 Para o resto de xestións (expedición de duplicados de recibos, obtención referencias catastrais para IRPF, domiciliacións, entre outros) poden usar a atención telefónica ou telemática onde se lles dará cumprida información (teléfono, correo electrónico, Sede Electrónica do Concello). 

 As persoas interesadas en concertar cita previa poden facelo a través de calquera dos seguintes medios: 

•    Telefono: 986 60 90 67 
•    Correo electrónico: recadacionaguarda@sdci.es

O ROSAL

O CONCELLO RETOMOU A LIMPEZA VIARIA NO ROSAL TRAS O PARÓN OBRIGATORIO POLA CRISE SANITARIA  

· Nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitidas os labores de desbroce e foron paralizados os procesos selectivos para a contratación do persoal dedicado a estas tarefas   

· Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, tamén reactivaron a limpeza nas zonas do seu ámbito competencial 

    Foto:C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal retomou xa hai uns días os labores de limpeza viaria do municipio tras o parón obrigatorio durante a crise sanitaria, xa que nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitida a realización das tarefas de desbroce ao non considerarse fundamentais. Durante os máis de dous meses de confinamento por mor do Covid-19 tamén foron paralizados todos os procesos selectivos para a contratación de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para os traballos de limpeza na rúa, situación á que houbo que sumarlle as baixas médicas de operarios municipais de limpeza por ser considerados persoal de risco.  

 Dende o Concello quérese agradecer a implicación dos traballadores e traballadoras municipais na reactivación destas tarefas de limpeza viaria, respondendo o máis axilmente posible a todos os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes labores tan necesarios. Esta mesma semana incorporouse tamén o persoal contratado a través do Plan Concellos, que se están a sumar as tarefas de limpeza viaria para ir recuperando as distintas zonas.  

 Ademais, o Goberno municipal xa se puxo en contacto coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que reactivaran a limpeza viaria nas zonas do Rosal que son do seu ámbito competencial.  

 O Concello tamén quere "agradecer o quefacer de todos os veciños e veciñas que están colaborando nestes intres limpando o frontal das súas casas e fincas". Hai unhas semanas os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño facían un chamamento apelando á responsabilidade da poboación para que botaran unha man nestes momentos tan complicados e limparan as frontes das parcelas que dan a vía pública ao que os rosaleiros e rosaleiras responderon de xeito exemplar.  

 "Dende o Concello seguirase traballando na recuperación dos espazos públicos para que rosaleiros e rosaleiras poidan recuperar pouco a pouco a normalidade e desfrutar das súas rúas e dos espazos de lecer tras máis de dous meses de confinamento", indican desde o executivo municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández.

PONTEVEDRA.

A XUNTA DE GALICIA ANALIZA COAS RESIDENCIAS DE MAIORES E DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE DA ÁREA DE PONTEVEDRA, O PLAN DE REACTIVACIÓN SOCIOSANITARIA  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra xunto ao director xeral de Maiores fixeron un seguimento da situación actual con 46 responsables destes centros    

O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e a xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre na videoconferencia co director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa  
Foto: X.G


Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Maiores da Consellería de Política Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, mantiveron esta mañá un encontro por videoconferencia con 46 representantes de residencias de maiores e de persoas con discapacidade para analizar o plan de reactivación sociosanitaria destes centros. A reunión estivo moderada pola xefa territorial deste departamento, María José Pérez-Izaguirre.  

 O representante do goberno autonómico recordou que dende o pase a Fase 2 de Galicia se procedeu a reapertura gradual e flexible daqueles centros que non tivesen ningún contaxiado.   

 Este protocolo, aprobado pola Xunta, foi redactado polo comité clínico do Servizo Galego de Saúde e ten como principio reitor a máxima protección, prudencia, graduación e flexibilidade.   

 Durante o encontro de hoxe recolléronse as inquedanzas, dúbidas e preguntas dos responsables das residencias e centros de persoas con discapacidade e se analizou a aplicación deste protocolo nestes primeiros días, que supón o cumprimento de dous criterios: que o centro non rexistrase casos de coronavirus, nin entre o persoal nin entre os residentes, nos últimos 15 días;e que no concello onde se sitúa o centro se rexistren cada día tres ou menos novos casos de coronavirus por cada 5.000 habitantes.     

 Se cumpren con estes requisitos, as residencias poden permitir dúas visitas por semana e con cita previa; e as persoas autónomas poden realizar saídas á farmacia e ao banco, preferiblemente a primeira hora da mañá. Por outra banda, Ildefonso de la Campa recordou que na próxima etapa, na número 3, poderá recuperarse en gran medida o réxime de visitas co que contaba cada residencia antes da pandemia sempre con medidas de seguridade; e os residentes poderán saír tamén á contorna urbana, evitando no posible aqueles lugares onde se concentren máis persoas.  

 O delegado territorial recalcou que no caso de que apareza algún caso positivo habería que suspender a reactivación e volveríamos confinar ás persoas contaxiadas.    

 Por último, o protocolo de reactivación das residencias tamén regula o reinicio dos servizos de atención temperá, así como outros servizos terapéuticos dirixidos a persoas maiores e persoas con discapacidade, sempre con de cita previa que garanta que só estean na sala ao mesmo tempo unha persoa usuaria e un profesional.  

 Durante a videoconferencia, o delegado territorial tamén recordou que esta mesma semana levouse a cabo un novo envío de material de protección (luvas, máscaras e produtos de limpeza) aos centros e residencias da área de Pontevedra, chegando así a un total de 344.800 elementos de protección dende o inicio da pandemia a un total de 71 centros de atención á discapacidade e aos maiores.

GALICIA

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a representante da asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, mantiveron hoxe unha reunión de traballo por videoconferencia 

A Xunta de Galicia e Stop Accidentes chaman a extremar as precaucións na estrada unha vez iniciada a reactivación da mobilidade  

Lembran a importancia de respectar as normas de circulación para evitar que o incremento de desprazamentos incida de xeito drástico nas cifras de sinistralidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, coa representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard
Foto: X.G.


Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia e a asociación Stop Accidentes apelaron hoxe a extremar as precaucións nas estradas ante a reactivación progresiva da mobilidade e o aumento dos desprazamentos, logo de meses de confinamento por mor da covid-19, co fin de garantir a seguridade viaria.

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, coa representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard.

 Na xuntanza abordaron a situación derivada da reactivación paulatina da circulación que se está a producir, tras as restricións xeradas polo confinamento por mor da covid-19, e coincidiron na necesidade de que este incremento nos desprazamentos vaia acompañado de condutas responsables por parte de todos os usuarios das estradas para evitar un incremento drástico na sinistralidade.

 Ethel Vázquez referiuse á recente campaña de concienciación da Xunta lembrando que se deben evitar distraccións ao volante, como o uso do teléfono móbil, respectar a distancia de metro e medio ao adiantar a un ciclista, ou empregar elementos reflectantes que aumenten a visibilidade de peóns e ciclistas, usuarios vulnerables das estradas. O Goberno galego, en colaboración coa DXT e coa Federación Galega de Ciclismo, vén distribuíndo chalecos e cortaventos reflectores entre estes usuarios vulnerables.

Convenio de colaboración

 Na xuntanza tamén se abordou o convenio asinado recentemente entre a Xunta e a asociación Stop Accidentes para fomentar a cultura da seguridade viaria, fundamentalmente, entre os escolares e as persoas maiores.

 Este acordo recolle distintas actuacións, como a mellora da seguridade na contorna do CEIP Santo André de Xeve, en Pontevedra, coa execución dunha senda na estrada PO-223. Este proxecto someterase en verán ao proceso de información pública.

 A Consellería de Infraestruturas, en coordinación coa Consellería de Política Social, tamén está a avanzar na definición da segunda das actuacións recollidas no convenio con Stop Accidentes: proxectos piloto para acadar un contorno seguro en dous centros de día ou residencias de maiores do ámbito rural.

 No marco desta colaboración, tamén se está a traballar nun manual de seguridade viaria para os usuarios do transporte escolar, tanto alumnos como acompañantes.

 O cuarto eixo do convenio inclúe a realización de talleres en colexios e centros de maiores das 4 provincias para concienciar a estes colectivos sobre pautas de mobilidade segura.

A GUARDA

A Guarda contará cunha comisión especial para a reactivación económica 

Formada por profesionais que rexentan negocios ou están estreitamente ligados á nosa vila

Casa do Concello de A Guarda, na Praza do Reló da vila
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda 

 O Grupo de Goberno Municipal do Concello da Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer público que invitou a un grupo de 8 profesionais de diversos sectores para que formen parte dunha comisión especial que traballará de xeito coordinado co executivo municipal, para buscar solucións que conduzan á reactivación económica local.    

 Desde o mes de marzo o Concello ven realizando diversas intervencións para tratar de apoiar aos negocios locais nestes duros momentos. Estas iniciativas proseguiron no mes de abril e maio co lanzamento, durante a pasada semana, do mercado electrónico www.mercanaguarda.com, que permitirá aos negocios locais diversificar a súa estratexia e abrir unha nova canle de venda en liña. Polo momento xa se atopan inscritos e recibindo formación para o manexo da plataforma un total de 15 negocios da localidade, e outros tantos solicitaron xa información para a súa adhesión.  

 De xeito paralelo a estas medidas, e xa durante o mes de abril, o grupo de goberno municipal iniciou contactos con diversas empresas de consultoría para valorar a posibilidade de contratar a algunha delas para que guiase ao executivo local durante os próximos meses neste proceso de reactivación local.   

 Finalmente, e dado que os prazos de execución que ofrecían estas empresas eran de entre 3 e 6 meses, posto que o primeiro e máis complexo paso que debían dar era facer unha análise das condicións da vila; decidiuse optar por unha fórmula alternativa que acortara estes prazos de tempo e permitira aplicar medidas dun xeito máis rápido.   

 Por iso desde o Concello tomouse a decisión da creación dunha comisión especial conformada por profesionais que xa coñeceran de primeira man o noso territorio, ben porque rexentaran negocios na localidade e residiran nela, ou porque estiveran ligados dalgún modo á mesma. Esta comisión tería como obxectivo traballar na ideación de medidas que tiveran como finalidade a reactivación local, e coa motivación de facelo polo ben común da vila.   

 Algunhas destas persoas foron directamente contactadas polo equipo de goberno municipal, recibindo unha resposta moi positiva por parte delas e mostrándose abertas a colaborar en todo o necesario.   

 Invitouse tamén ao resto de forzas políticas a propoñer outras persoas que considerasen idóneas para formar parte desta comisión, pero excepto o Partido Popular, o resto de grupos políticos declinaron a invitación e decidiron non participar de ningún xeito nesta iniciativa.   

 Entre os profesionais que conformarán esta comisión atópanse José Luís Lorenzo  (propietario do comercio Rodríguez Brand Store), José Manuel Domínguez Freitas (ex-alcalde da Guarda), Eva Bouzas Facal (responsable da área de proxectos europeos da Asociación San Xerome Emiliani), Manuel Franco Peixoto (propietario dos restaurantes Area Grande, Marouco de Palla e El Capitán), Francisco Xavier Martínez Cobas (profesor na Facultade de Economía e Administración de Empresas da Universidade de Vigo), Joaquín Cadilla Castro (presidente de OR.PA.GU.), Chus Castro González (propietaria do Restaurante Bitadorna), e Doménico Tinelli (consultor e xestor de proxectos europeos de I+D no Instituto Tecnolóxico de Galicia).  

 Estas persoas prestarán a súa colaboración de xeito desinteresado e está previsto que manteñan tres reunións durante o mes de xuño, que serán guiadas por Susana Rodríguez (adestradora e psicóloga social, con experiencia na condución de mesas de traballo).   

 O obxectivo é que tras esas sesións conxuntas se xeren ideas e iniciativas innovadoras para o futuro da Guarda, que se podan poñer en marcha a curto e medio prazo.   

 Esta comisión traballará de xeito complementario ao comité formado polo equipo de goberno e os portavoces dos demais grupos políticos con representación na Corporación Municipal, e que tamén estudiarán posibles iniciativas a por en marcha durante os próximos meses para estimular a economía da Guarda.   

 O equipo de goberno municipal está seguro de que esta será a mellor vía para atopar solucións na excepcional situación na que nos atopamos: tomando as decisións desde unha perspectiva de colaboración, construtiva e de axuda mutua.  

TOMIÑO

O Concello de Tomiño investe 100.000 euros en axudas a entidades sen fins de lucro, para actividades sociais, culturais e deportivas  

· Tras a crise sanitaria, reinícianse os prazos para a presentacion de solicitudes a partir deste mércores día 3 de xuño, e até o 3 de xullo deste ano   
    Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Goberno Municipal do Concello vén de facer público a que a partir deste mércores día 3 de xuño, estará aberto o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen fin de lucro que desenvolven ao longo de 2020, actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais. 

 As bases para optar ás axudas correspondentes ao exercizo 2020, foron publicadas no BOPPP do 16 de marzo pasado, pero os prazos suspendéronse como consecuencia da crise sanitaria, polo que reinícianse os prazos para a presentacion de solicitudes a partir de hoxe, 3 de xuño, e até o 3 de xullo deste ano. 

 As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello (www.tomino.gal), ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. 

 As entidades de carácter social, cultural ou deportivo interesadas en optar á concesión das subvencións, deberán solicitalo mediante a presentación da seguinte documentación (dispoñible na Sede Electrónica): 

• Formulario 1: Impreso oficial de solicitude, que irá acompañado da documentación que nel se indica. 

• Formulario 2: Certificación do acordo de solicitude, nomeamento de representante para as relacións co Concello e número de persoas socias. 

• Formulario 3: Certificación dos datos bancarios da entidade (selado pola entidade bancaria). 

 A través destas axudas, o Concello de Tomiño investirá 100.000 euros para apoiar e promover todas aquelas actividades que repercutan no desenvolvemento do municipio e que contribúan ao fomento dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, en especial ao benestar social da cidadanía, á promoción da cultura e ao fomento do deporte. 

Axudas deportivas 

 O goberno municipal destinará 45.000 euros a entidades sen fin de lucro e deportivas individuais, coa finalidade de fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades deportivas durante todo o ano. 

 Neste caso serán subvencionales os gastos federativos correspondentes á tempada, os gastos de arbitraxe, os de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, os de mutualidades e seguros, os de material deportivo de carácter funxible ou de carácter inventariable e os gastos de equipamento e vestimenta deportiva. Cando a subvención sexa solicitada para deportistas individuais de Tomiño, estes terán que ser recoñecidos a nivel galego, estatal ou internacional. 

Subvencións culturais 

 O Concello de Tomiño tamén destinará un orzamento de 40.000 euros a axudas municipais a entidades sen fins de lucro, para a realización de actividades culturais durante o ano 2020, co propósito de contribuír ao desenvolvemento de proxectos ou actividades culturais que fomenten os intereses xerais ou sectoriais da veciñanza, con especial atención á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais. 

 As axudas neste eido estarán destinadas á realización de actividades das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, a actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; de promoción dos produtos agrícolas e gastronómicos da zona; recuperación de espazos naturais ou de lecer e outros proxectos de especial interese cultural e social. 

 Porén, queda especificamente excluído o uso destas axudas para a adquisición, reparación ou mantemento de bens de inmobilizado, gastos correntes, celebración de festas parroquiais, etc. que non estean directamente vinculados á actividade obxecto da subvención; así como para saldos debedores das contas bancarias, de procedementos xudiciais, impostos, recargas e sancións administrativas. 

Actividades sociais 

 O Concello destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades que promovan o benestar social da cidadanía a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá dentro do ámbito dos Servizos Sociais durante o 2020. 

 A través destas axudas o Concello pretende axudar a financiar os gastos de proxectos de atención á discapacidade e aos menores; apoio á dinámica familiar, voluntariado social, atención á toxicomanía, prevención de situacións de violencia intrafamiliar, promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, atención á inmigración e a minorías étnicas e outros proxectos de especial interese social nos que estea xustificada a financiación municipal. 

Bases completas nesta ligazón:

O CONDADO

Luís Bará critica a “desfeita” da Xunta na Atención Primaria e reclama asistencia sanitaria ben dotada de recursos e profesionais para o rural  

· O cabeza de lista por Pontevedra e a candidata e portavoz de sanidade no Parlamento, Montserrat Prado, reuníronse con veciñanza do Condado para falar da falta de médico de familia en Valeixe e de pediatra en A Cañiza  

· O Bloque subliña a necesidade dun cambio galego no goberno do país que valore a sanidade como servizo público e non como negocio

Luís Bará, nun momento da videoconferencia de onte con veciñas/os da Cañiza
Foto: BNG


Infogauda / O Condado    

 O cabeza de lista do BNG na provincia de Pontevedra de cara ás eleccións do 12X, Luís Bará, criticou onte martes día 2 de xuño, a “desfeita” da Xunta na Atención Primaria e reclamou unha asistencia sanitaria ben dotada de medios e profesionais especialmente para o rural galego. O nacionalista realizou estas declaracións logo dun encontro con veciñas e veciños de A Cañiza puxeron de manifesto a situación “calamitosa” que viven no concello, xa que carecen dende hai meses de médico de familia propio para o centro de saúde de Valeixe e máis recentemente de pediatra en A Cañiza.  

 Bará, xunto coa candidata e portavoz de sanidade do BNG no Parlamento, Montserrat Prado, apuntou que a situación da sanidade pública de Atención Primaria no concello do Condado é un exemplo do que veu acontecendo na Galiza nos últimos once anos “como consecuencia das políticas do Partido Popular de desmantelamento, de deterioro, privatización, e recortes na sanidade pública que lle afecta dunha maneira especialmente crúa ao noso rural, ás nosas vilas e cabeceiras de moitos concellos”.   

 Segundo asegurou son moitas as vilas que quedan sen servizos e polo tanto desminten “ese eslogan tramposo” do PP da ‘lexislatura do rural’, porque –dixo- “en todo caso é a lexislatura do desmantelamento e da aniquilación dos servizos públicos no rural” que non permiten que se fixe poboación. “O exemplo de A Cañiza é moi claro porque vemos como se están a perder profesionais tanto na Atención Primaria de medicina de familia en Valeixe como tamén de pediatría en A Cañiza”, explicou o cabeza de lista, que relatou a situación desastrosa pola que os médicos atenden dúas veces á semana polas tardes telefonicamente e en Pediatría acontece outro tanto. “Isto que está a pasar fai que a xente se desprace a outros concellos a moita distancia e pagando servizos sanitarios privados en Pediatría porque non o teñen onde viven”, afirmou.   

 Para o BNG, dixo o nacionalista, é fundamental facer fronte a esta situación de abandono da sanidade pública. “Hai que defendela con aplausos, mobilizacións e cos nosos votos o 12 de xullo votando por unha forza como o BNG que cre na sanidade pública e pensa que é fundamental para ter vida e futuro no rural de Galiza”, finalizou.  

 Pola súa parte, a veciñanza afectada pola falta de facultativos manifestou a súa indignación pola situación, xa que moita poboación decide non acudir ás citas médicas pola mala calidade asistencial, prestada cada día por diferentes médicos substitutos que non poden ter unha relación axeitada médico-paciente. Tamén engaden os problemas de mobilidade para a xente maior pola ausencia de transporte público. “Non temos alternativas”, afirman.  

 Unha das veciñas do concello, que ten que sufrir a falta de pediatra, puxo sobre a mesa unha pregunta para o presidente da Xunta: “Gustaríame preguntarlle ao señor Feijóo en que Galiza vive el, que di que hai unha sanidade boa. Debemos vivir nunha Galiza paralela, porque na Galiza que eu vivo a sanidade pública, igual que a educación, dá pena”, salientou.

ARCOS DE VALDEVEZ

Câmara Municipal desenvolve Programa de Apoio ao Turismo  

Apresentação site do Programa de Apoio ao Turismo de Arcos de Valdevez (PATAV)
Imagem: C.M.A.V.


 María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 No passado dia 1 de junho, foi dado a conhecer o Programa de Apoio ao Turismo de Arcos de Valdevez (PATAV). 

 Segundo o Presidente da Câmara, na sequência desta crise, provocada pela pandemia Covid-19, “também é necessário apoiar o turismo, uma vez que já o fizemos com as famílias, o comércio e os produtores locais, e por isso era o momento de fazê-lo com o turismo, a restauração e o alojamento”.  

 Este programa, que visa reconhecer o esforço dos profissionais que estiveram na linha da frente durante o estado de emergência, tem como objetivo agradecer-lhes com a atribuição de um voucher que permite ser trocado nos alojamentos e restauração do concelho aderentes ao PATAV. “Para além de agradecer a todos os profissionais, pretendemos apoiar também a economia local”, afirmou o autarca.  

 O Município de Arcos de Valdevez criou o Programa de Apoio ao Turismo de Arcos de Valdevez (PATAV) com o objetivo de promover o turismo do concelho, minimizar o impacto negativo decorrente da COVID-19, contribuir para a sustentabilidade dos agentes turísticos e reconhecer o trabalho desenvolvido pelos profissionais.  

 Para aderir ao PATAV, quer beneficiários, quer estabelecimentos, devem submeter a sua candidatura na plataforma de turismo do Município, em www.visitarcos.pt

TOMIÑO

ADETO súmase á campaña “Comercio Seguro”

A asociación integrouse na campaña de comercio seguro da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados



 Lorena Quinteiro* / Tomiño

 Para desenvolver esta campaña utilízase a ferramenta de autoavaliación da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Esta ferramenta elabora un informe personalizado coas medidas necesarias para que se cumpran os requisitos de 'Comercio Seguro', en relación coa seguridade fronte á Covid-19. Aquelas persoas que queiran realizar un autodiagnóstico dos seus establecementos comerciais poden acceder á web https://www.comerciosegurogalicia.gal/register 

 A través deste test, a Federación Provincial de Comercio emitirá un certificado que acreditará para os clientes que ese local é seguro para realizar compras. Este selo da federación do mesmo xeito que o da Confederación Española de Centros históricos entregarase de forma gratuíta a todos aqueles establecementos que forman parte deste organismo e obteñan unha cualificación de elevado ou moi elevado, é dicir, unha puntuación superior a 8 sobre un total de 10. 

 O selo garante que tanto os empregados como os consumidores dese recinto acóllense a todas as medidas de seguridade e protección establecidas pola administración. O baremo para a emisión deste certificado será o establecido pola Xunta de Galicia no programa de autoavaliación. 

 A federación realizará revisións periódicas e aleatorias, a través do procedemento de Cliente Misterioso para comprobar se o grao de cumprimento da normativa nos establecementos co certifico cúmprese para garantir a seguridade e a saúde de consumidores e persoal. 

 Os establecementos que non superen a avaliación terán un prazo de 15 días para resolver as deficiencias e optar a unha nova revisión que lles permita lograr o selo. 

 Todo aquel que desexe solicitar o selo ou recibir máis información pode facelo a través do correo de ADETO info@adeto.es ou no teléfono 986 098 902. Dende Adeto animamos a todos a participar xa que nestes momentos é bo xerar tranquilidade e seguridade nos clientes.

* Xerente de ADETO

TOMIÑO

Tomiño retomou a celebración do mercadillo semanal dos mércores, con produtos de alimentación e agrícolas  

· A actividade foi na Praza do Seixo, con postos de alimetación e produtos agrícolas, cumprindo todas as medidas de seguridade   


Infogauda / Tomiño

 Desde este mércores, Tomiño celebra novamente o seu mercadillo ambulante semanal, só con produtos de alimentación e agricultura, e respetando todas as medidas de seguridade para evitar posibles contaxios do Covid-19.  

 No día de hoxe, a actividade tivo lugar na Praza do Seixo, en horario de mañá, mantendo a distancia preceptiva entre os postos e entre as persoas (2 metros coma mínimo). Non estivo permitido tocar os produtos nin as superficies dos postos; houbo que esperar o turno e respectar o sentido de circulación (ir sempre pola dereita), limitando o tempo de permanenza ao mínimo imprescindible para comprar.

  Asemade, foi obligatorio o uso de máscaras hixiénicas ou similares.  

 A Policía Local estivo vixiando que se cumprira a reglamentación, polo que dende o Concello, piden a todas as persoas que se acheguen ao mercado, respectar as medidas de prevención.