3 de xuño de 2020

O ROSAL

O CONCELLO RETOMOU A LIMPEZA VIARIA NO ROSAL TRAS O PARÓN OBRIGATORIO POLA CRISE SANITARIA  

· Nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitidas os labores de desbroce e foron paralizados os procesos selectivos para a contratación do persoal dedicado a estas tarefas   

· Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, tamén reactivaron a limpeza nas zonas do seu ámbito competencial 

    Foto:C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal retomou xa hai uns días os labores de limpeza viaria do municipio tras o parón obrigatorio durante a crise sanitaria, xa que nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitida a realización das tarefas de desbroce ao non considerarse fundamentais. Durante os máis de dous meses de confinamento por mor do Covid-19 tamén foron paralizados todos os procesos selectivos para a contratación de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para os traballos de limpeza na rúa, situación á que houbo que sumarlle as baixas médicas de operarios municipais de limpeza por ser considerados persoal de risco.  

 Dende o Concello quérese agradecer a implicación dos traballadores e traballadoras municipais na reactivación destas tarefas de limpeza viaria, respondendo o máis axilmente posible a todos os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes labores tan necesarios. Esta mesma semana incorporouse tamén o persoal contratado a través do Plan Concellos, que se están a sumar as tarefas de limpeza viaria para ir recuperando as distintas zonas.  

 Ademais, o Goberno municipal xa se puxo en contacto coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que reactivaran a limpeza viaria nas zonas do Rosal que son do seu ámbito competencial.  

 O Concello tamén quere "agradecer o quefacer de todos os veciños e veciñas que están colaborando nestes intres limpando o frontal das súas casas e fincas". Hai unhas semanas os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño facían un chamamento apelando á responsabilidade da poboación para que botaran unha man nestes momentos tan complicados e limparan as frontes das parcelas que dan a vía pública ao que os rosaleiros e rosaleiras responderon de xeito exemplar.  

 "Dende o Concello seguirase traballando na recuperación dos espazos públicos para que rosaleiros e rosaleiras poidan recuperar pouco a pouco a normalidade e desfrutar das súas rúas e dos espazos de lecer tras máis de dous meses de confinamento", indican desde o executivo municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario