A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a representante da asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, mantiveron hoxe unha reunión de traballo por videoconferencia
A Xunta de Galicia e Stop Accidentes chaman a extremar as precaucións na estrada unha vez iniciada a reactivación da mobilidade
Lembran a importancia de respectar as normas de circulación para evitar que o incremento de desprazamentos incida de xeito drástico nas cifras de sinistralidade
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel
Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, coa
representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia e a asociación Stop Accidentes
apelaron hoxe a extremar as precaucións nas estradas ante a reactivación
progresiva da mobilidade e o aumento dos desprazamentos, logo de meses
de confinamento por mor da covid-19, co fin de garantir a seguridade
viaria.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel
Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, coa
representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard.
Na
xuntanza abordaron a situación derivada da reactivación paulatina da
circulación que se está a producir, tras as restricións xeradas polo
confinamento por mor da covid-19, e coincidiron na necesidade de que
este incremento nos desprazamentos vaia acompañado de condutas
responsables por parte de todos os usuarios das estradas para evitar un
incremento drástico na sinistralidade.
Ethel Vázquez referiuse á
recente campaña de concienciación da Xunta lembrando que se deben evitar
distraccións ao volante, como o uso do teléfono móbil, respectar a
distancia de metro e medio ao adiantar a un ciclista, ou empregar
elementos reflectantes que aumenten a visibilidade de peóns e ciclistas,
usuarios vulnerables das estradas. O Goberno galego, en colaboración
coa DXT e coa Federación Galega de Ciclismo, vén distribuíndo chalecos e
cortaventos reflectores entre estes usuarios vulnerables.
Convenio de colaboración
Na
xuntanza tamén se abordou o convenio asinado recentemente entre a Xunta
e a asociación Stop Accidentes para fomentar a cultura da seguridade
viaria, fundamentalmente, entre os escolares e as persoas maiores.
Este
acordo recolle distintas actuacións, como a mellora da seguridade na
contorna do CEIP Santo André de Xeve, en Pontevedra, coa execución dunha
senda na estrada PO-223. Este proxecto someterase en verán ao proceso
de información pública.
A Consellería de Infraestruturas, en
coordinación coa Consellería de Política Social, tamén está a avanzar na
definición da segunda das actuacións recollidas no convenio con Stop
Accidentes: proxectos piloto para acadar un contorno seguro en dous
centros de día ou residencias de maiores do ámbito rural.
No marco
desta colaboración, tamén se está a traballar nun manual de seguridade
viaria para os usuarios do transporte escolar, tanto alumnos como
acompañantes.
O cuarto eixo do convenio inclúe a realización de
talleres en colexios e centros de maiores das 4 provincias para
concienciar a estes colectivos sobre pautas de mobilidade segura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario