3 de xuño de 2020

A GUARDA

A Guarda contará cunha comisión especial para a reactivación económica 

Formada por profesionais que rexentan negocios ou están estreitamente ligados á nosa vila

Casa do Concello de A Guarda, na Praza do Reló da vila
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda 

 O Grupo de Goberno Municipal do Concello da Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer público que invitou a un grupo de 8 profesionais de diversos sectores para que formen parte dunha comisión especial que traballará de xeito coordinado co executivo municipal, para buscar solucións que conduzan á reactivación económica local.    

 Desde o mes de marzo o Concello ven realizando diversas intervencións para tratar de apoiar aos negocios locais nestes duros momentos. Estas iniciativas proseguiron no mes de abril e maio co lanzamento, durante a pasada semana, do mercado electrónico www.mercanaguarda.com, que permitirá aos negocios locais diversificar a súa estratexia e abrir unha nova canle de venda en liña. Polo momento xa se atopan inscritos e recibindo formación para o manexo da plataforma un total de 15 negocios da localidade, e outros tantos solicitaron xa información para a súa adhesión.  

 De xeito paralelo a estas medidas, e xa durante o mes de abril, o grupo de goberno municipal iniciou contactos con diversas empresas de consultoría para valorar a posibilidade de contratar a algunha delas para que guiase ao executivo local durante os próximos meses neste proceso de reactivación local.   

 Finalmente, e dado que os prazos de execución que ofrecían estas empresas eran de entre 3 e 6 meses, posto que o primeiro e máis complexo paso que debían dar era facer unha análise das condicións da vila; decidiuse optar por unha fórmula alternativa que acortara estes prazos de tempo e permitira aplicar medidas dun xeito máis rápido.   

 Por iso desde o Concello tomouse a decisión da creación dunha comisión especial conformada por profesionais que xa coñeceran de primeira man o noso territorio, ben porque rexentaran negocios na localidade e residiran nela, ou porque estiveran ligados dalgún modo á mesma. Esta comisión tería como obxectivo traballar na ideación de medidas que tiveran como finalidade a reactivación local, e coa motivación de facelo polo ben común da vila.   

 Algunhas destas persoas foron directamente contactadas polo equipo de goberno municipal, recibindo unha resposta moi positiva por parte delas e mostrándose abertas a colaborar en todo o necesario.   

 Invitouse tamén ao resto de forzas políticas a propoñer outras persoas que considerasen idóneas para formar parte desta comisión, pero excepto o Partido Popular, o resto de grupos políticos declinaron a invitación e decidiron non participar de ningún xeito nesta iniciativa.   

 Entre os profesionais que conformarán esta comisión atópanse José Luís Lorenzo  (propietario do comercio Rodríguez Brand Store), José Manuel Domínguez Freitas (ex-alcalde da Guarda), Eva Bouzas Facal (responsable da área de proxectos europeos da Asociación San Xerome Emiliani), Manuel Franco Peixoto (propietario dos restaurantes Area Grande, Marouco de Palla e El Capitán), Francisco Xavier Martínez Cobas (profesor na Facultade de Economía e Administración de Empresas da Universidade de Vigo), Joaquín Cadilla Castro (presidente de OR.PA.GU.), Chus Castro González (propietaria do Restaurante Bitadorna), e Doménico Tinelli (consultor e xestor de proxectos europeos de I+D no Instituto Tecnolóxico de Galicia).  

 Estas persoas prestarán a súa colaboración de xeito desinteresado e está previsto que manteñan tres reunións durante o mes de xuño, que serán guiadas por Susana Rodríguez (adestradora e psicóloga social, con experiencia na condución de mesas de traballo).   

 O obxectivo é que tras esas sesións conxuntas se xeren ideas e iniciativas innovadoras para o futuro da Guarda, que se podan poñer en marcha a curto e medio prazo.   

 Esta comisión traballará de xeito complementario ao comité formado polo equipo de goberno e os portavoces dos demais grupos políticos con representación na Corporación Municipal, e que tamén estudiarán posibles iniciativas a por en marcha durante os próximos meses para estimular a economía da Guarda.   

 O equipo de goberno municipal está seguro de que esta será a mellor vía para atopar solucións na excepcional situación na que nos atopamos: tomando as decisións desde unha perspectiva de colaboración, construtiva e de axuda mutua.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario