17 de dec. de 2020

CULTURA

“OS MUIÑOS DO CONCELLO DE TUI”, DE ERNESTO IGLESIAS ALMEIDA E PLÁCIDO MÉNDEZ CRUCES  

Moito máis ca un inventario das “industrias muiñeiras” tudenses  


Portada do libro Os Muiños do Concello de Tui”, de Ernesto Iglesias Almeida e Plácido Méndez Cruces


Ricardo Rodríguez Vicente / Tui   

 Das  mans do amigo José Manuel Villa Troncoso (Mané), presidente da Asociación Cultural Antonio Fernández, de Goián, vimos de recibir un exemplar do libro “Os Muiños do Concello de Tui”, de Ernesto Iglesias Almeida e Plácido Méndez Cruces.   

 A publicación, que fora presentada no pasado mes de setembro, está editada polo Concello de Tui, e foi impresa en Gráficas Juvia, S.L., de Guillarei (Tui).    

 Na portada do libro reprodúcese unha pintura ao óleo da autoría de Beatriz Iglesias Almeida, na que figuran uns muíños entre a paisaxe agraria e silvícola tudense.    

 No interior leva unha atinada presentación da autoría de Enrique Cabaleiro González, alcalde de Tui, así como un “Limiar”, no cal o autor menciona os “(...) pequenos ríos, afluentes do Miño, existentes neste Concello de Tui (...)”, indicando que “(...) dos muiños que temos maior información son os correspondentes aos do Río Muiños, que son os que están máis preto da cidade, sendo a maioría destes propiedade ou dependentes do Cabido da Catedral de Tui, cunha abondosa e antiga documentación que se atopa no arquivo da mesma.    

 Moitos destes datos que agora expomos foron recollidos ai (sic) anos para facer un amplo traballo de catalogación que xunto co meu inesquecible e xa finado, amigo Plácido Méndez Cruces, cuxo nome quero tamén pór como coautor neste presente traballo, polo coñecemento que el tiña do terreo, pois era de Pazos de Reis, e mesmo a súa familia tiña un deses muiños que logo ollaremos, era a persoa máis idónea para poder facer o traballo de campo e que sabía dos nomes e da situación de todos eles (...)”.   

 Logo do “Resumo Histórico”, que na súa primeira páxina coincide co “Limiar”, Ernesto Iglesias Almeida descrebe os muiños de río Muíños-Tripes, no Concello de Tui, aportando croquis, fotografías en b/n e tamén en cor. Asemade, fai unha breve referencia aos muíños de aceite, e logo continúa coa relación e datos dos muiños do río San Martiño, na parroquia de Santa Mariña de Areas.    

 Como se tratase dunha andaina pola contorna, deseguido o autor descrebe para o lectorado os muíños do río Furnia, da parroquia de Santiago de Malvas, para continuar cos muíños do río Furnia na parroquia de San Miguel de Pexegueiro.   

 A continuación ocúpase dos muíños do río Deique, afluente do río Louro, na parroquia de San Bartolomé de Rebordans.   

 Do mesmo xeito, faino co Muíño das Lavandeiras, que recebe as augas do río das Regadas, afluente do Louro, para continuar cos muíños do Rendo, tamén no río Louro, parte baixa en Rebordans.   

 Logo cita os muíños dos ríos da Telleiriña, Porto e outros regatos, da parroquia de San Mamede de Guillarei, e continúa seu interesante traballo cos muíños do río Telleiriña.    

 Despois descrebe os muíños do río Pantel, na parroquia de San Xoán de Paramos, e a continuación faino cos muíños do río Caselas, en Caldelas de Tui.    

 E por último, cos muíños do río Louro, na parroquia de Santa Comba de Ribadelouro.   

 A publicación, de 168 páxinas, adica catro delas aos “Trebellos de medidas”, e culmina cun “Apéndice documental”, onde, entre outras, figura a transcrición literal do documento máis antigo, coñecido polo autor, referente a un dos muíños tudenses, datado na “Era de mill e quatraçentos e nove anos des días do mes de setembro (...)”. É dicer, de comezos do século XV.   

 O traballo de Ernesto Iglesias Almeida, Cronista Oficial da cidade de Tui, desde 2004, é todo un inventario das “industrias muiñeiras” tudenses. E ademáis, constitúe unha importante achega ao coñecemento dese patrimonio etnográfico tan de noso, que ben merece divulgarse. Porque como acertadamente di o alcalde de Tui: “(...) Con esta obra, nunha nova oportunidade, Ernesto Iglesias Almedida enriquece, coa súa habelencia investigadora, o coñecemento da historia e do patrimonio tudense reivindicando a súa importancia e singularidade, contribuíndo a que todos os cidadáns de Tui poidamos coñecer, amar e conservar este legado (...)”.   

 Os muíños – de todo o noso País - constitúen seculares exemplos de Arquitectura Tradicional e do patrimonio material e inmaterial, merecentes que se promova súa candidatura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO.    

 Coa publicación do libro “Os Muiños do Concello de Tui”, Ernesto Iglesias Almeida e o concello tudense contribúen a documentar e a nutrir con rigor esa proposta.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario