A Xunta de Galicia destina 80.000 euros á recuperación ambiental dunha parcela paralela ao Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Oia
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no municipio no marco da colaboración co Goberno galego
Infogauda / Oia
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no concello de Oia, co que o Goberno galego asinou este ano un convenio para contribuír á recuperación ambiental duns terreos na parroquia de Mougás pola que discorre o Camiño Portugués da Costa. A Xunta investiu 80.000 euros nesta actuación co obxectivo de evitar a degradación da finca.
Rueda destacou a importancia de “dar unha nova vida” a este entorno, que ademais está ao carón dun itinerario xacobeo - o Camiño Portugués da Costa- que está “collendo moitísimo empuxe” nos últimos anos.
Ademais, a Administración autonómica investiu este ano arredor de 30.000 euros na mellora dos roteiros da Valga, no marco dos acordos cos concellos galegos para embelecer as súas infraestruturas turísticas e consolidar a oferta turística no rural galego. Os convenios inclúen a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos; así como a creación e conservación de miradoiros, sendeiros e roteiros.
A Xunta aposta pola colaboración cos concellos no fomento da protección das rutas xacobeas de cara ao Xacobeo 2021 e así ofrecer aos visitantes a mellor imaxe de Galicia cun patrimonio natural, paisaxístico, cultural e histórico ben conservado. Neste sentido, Rueda recordou que son “tempos difíciles” para todos, tamén para o turismo, de aí a importancia de seguir traballando neste ámbito e en seguir potenciando a imaxe de Galicia como destino seguro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario