O Concello pon en marcha unha ampla programación de actividades para este outono
• Cantacontos, charlas, exposicións, eventos deportivos, obradoiros, Samaín, teatro,..., na programación de outono do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Como xa informamos oportunamente, o Concello de A Guarda programou un total de cinco representacións teatrais nesta tempada de outono. Trátase das obras “A nena que quería navegar”, “Invisibles”, “O mel non caduca”, “Rosa Caramelo” e “Running”, obras que se levarán a cabo entre o 26 de setembro e o 11 de decembro deste ano. Esta programación arrancou xa na xornada do pasado sábado día 26 de setembro coa obra “A nena que quería navegar” e continúa este sábado día 3 de outubro coa obra “Invisibles” ás 20:00h no Centro Cultural.
“Invisibles” é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.
O venres día 16 de outubro continúa a programación coa obra “O mel non caduca” ás 21:00h no Centro Cultural. É un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.
O sábado 24 de outubro ás 18:00h é a quenda da obra “Rosa Caramelo” ás 18:00h. É un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Nesta montaxe composta de catro historias nas que combínanse a palabra e a música en directo, no que tratarase de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.
Xa para pechar este ciclo de teatro de outono, o venres 11 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural acollerá a representación teatral de “Running”, onde os 2 actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes - un total de 20 - das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Trátase dunha vertixinosa peza cómica con mensaxe final,…, parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais,…, que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.
Para todas as representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural no 986 611 850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade, de 10:00 a 13:00h e de 17:00 a 20:00h de luns a venres. O aforo é limitado.
Actividades para celebrar o Día da Biblioteca
A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda prepara diversas actividades no mes de outubro para celebrar o mes da Biblioteca, e o Día da Biblioteca.
Cantacontos, con Migallas Teatro
Sábado 10 de outubro ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural
En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ao público infantil, e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos. Público: Nenos e nenas de 4 a 11 anos e familias.
Obradoiro de Cómic e Banda Deseñada, con Santy Gutiérrez
Sábado 17 de outubro. Dúas sesións: ás 11:30 horas e ás 12:30 horas na sala de exposicións do Centro Cultural.
No obradoiro de banda deseñada os rapaces aprenderán recursos da linguaxe do cómic facendo a súa propia páxina de BD. No cómic atoparán unha ferramenta afín á súa vida que lles axudará a comunicarse, contando as súas propias historias nas que verter as súas propias inquedanzas e intereses.
Público: Nenos e nenas: De 8 a 9 e mocidade
Trémola Teatro. Que animaliño é?
Venres 23 de outubro ás 18:00 horas. Na sala de exposicións do Centro Cultural.
Paula co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos da casa podan coñecer os distintos animais. Que animaliño é?, é unha obra para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu redor.
Público: Bebés de 0 a 3 anos e familias.
Todas as actividades precisan inscrición previa na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 649 327 525. Protocolo Covid-19. Bibliotecas seguras.
O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro desde o ano 1997. Esta conmemoración naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.
Exposición “Río Miño - Memorias transfronteirizas”
Na exposición “Río Miño - Memorias transfronteirizas” os visitantes poden contemplar as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos. Esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan nas súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. Ademais, amosan a cultura dos Tesouros Humanos Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.
Esta exposición itinerante do patrimonio inmaterial que leva a cabo o CIM Alto Minho, en colaboración e coordinación coa Deputación de Pontevedra, poderá visitarse entre o 9 e o 20 de outubro, na Casa dos Alonso.
Trail do Trega
O domingo día 11 de outubro o Trail do Trega chega á súa sétima edición con 14 km de percorrido e preto de 800 metros de desnivel. Debido a pandemia da Covid-19, estará limitada a 300 prazas e as saídas serán de 10 atletas cada 30 segundos. A proba transcorrerá 100% polo Monte Santa Trega, un dos lugares máis atractivos e visitados de Galicia.
A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía e a climatoloxía, farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación.
A proba comezará ás 10:30h dende a Alameda.
Así mesmo, se organizará unha andaina guiada de 10 km e con 500 metros de desnivel, que sairá ás 10:00h dende a Alameda. Límite de 100 participantes.
Actividades para festexar o Samaín
A concellería de Cultura programa entre o 20 e o 28 de outubro diversas actividades online para festexar o Samaín con “Facemos un trato”.
O día 31 terá lugar o espectáculo “Contos para caghar patatillas” do elenco de Brais das Hortas e dirixido ao público infantil e familiar, no Centro Cultural ás 18:00h.
É preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural o luns previo á actividade, en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h de luns a venres. O aforo é limitado.
Máis actividades
• Charlas de igualdade organizadas pola ANPA do CEIP A Sangriña. Cada martes dende o 20 de outubro ata o 17 de novembro, no Centro Cultural.
• Presentación do libro de Denis Maza “La mística de un grano de arena”. Os días 22 e 23 de outubro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario