O Concello de A Guarda apoia aos colectivos e asociacións da localidade
Con axudas por un importe total de 142.069€
Vista de A Guarda desde o Monte Santa Trega
Foto: Infogauda
Infogauda / A Guarda
A Corporación Municipal do Concello de A Guarda vén de aprobar en sesión plenaria ordinaria as subvencións nominais concedidas aos colectivos, asociacións e entidades de fins sociais, culturais e deportivas para o exercicio 2020, por un importe total de 142.069€.
As axudas municipais destínanse a distintas asociacións guardesas de carácter deportivo (83.209€), culturais (39.200€) e sociais (19.660€), co obxectivo de contribuír ao correcto desenvolvemento das entidades de acordo coas actividades levadas a cabo por cada unha delas, apoiando o traballo e o esforzo que realizan en favor da nosa comunidade.
De entre o total das asociacións beneficiarias, 8 delas desenvolven labores de carácter social, permitindo mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e crear estruturas que permitan a inclusión social e laboral das persoas. O concello colabora estreitamente coas diferentes asociacións para a promoción e difusión da cultura, posibilitando a recuperación e posta en valor de iniciativas culturais de toda índole, potenciando os grupos de música e bandas locais. Tamén se traballa na promoción de actividades e eventos xunto coas entidades deportivas e no mantemento das infraestruturas deportivas municipais, para seguir apostando polos hábitos e un estilo de vida saudable.
Desde o Equipo de Goberno Municipal indican que "o Concello de A Guarda é unha das institucións locais da comarca que máis subvencións destina ás asociacións deportivas, culturais e de carácter social do seu municipio, dada a variedade e calidade das organizacións que desenvolven unha importante labor diaria en beneficio dos guardeses e guardesas.
Tamén cabe destacar o apoio que se realiza dende o Concello de A Guarda a estes colectivos ao longo do ano aportando materiais, infraestruturas e operarios municipais para colaborar nos distintos eventos que se realizan, así coma a cesión de espazos públicos, petición de permisos, entre outras xestións".
Ningún comentario:
Publicar un comentario