O Concello pon en marcha o Consello Municipal de Desenvolvemento Local
· Co obxectivo é crear un espazo que sirva como viveiro de ideas para unha estratexia integral de desenvolvemento a curto, medio e longo prazo
· No Consello participan máis dunha vintena de axentes sociais con experiencia en diferentes ámbitos
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o profesor universitario Xavier Martínez Cobas, no acto de presentación do Consello Municipal de Desenvolvemento
Participantes na presentación que tivo lugar na sala de exposicións da Casa do Concello do Rosal
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal acaba de poñer en marcha o Consello Municipal de Desenvolvemento Local, “unha ferramenta pioneira que servirá para facer unha diagnose da situación actual do municipio e traballar nunha estratexia integral de crecemento do Rosal con accións a realizar a curto, medio e longo prazo”. Segundo afirmou o Equipo de Goberno Municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís “trátase dun primeiro paso para fomentar a participación veciñal, imprescindible para manter unha relación acaída coa realidade social do municipio, creando unha ferramenta cun marcado carácter consultivo que servirá para analizar e reflexionar sobre os diferentes aspectos de cada ámbito de actuación”.
O Consello está formado por unha vintena de persoas de todas as idades con experiencia en diferentes ámbitos de actuación e vinculadas ao sector primario e servizos, á cultura, aos coidados, ao eido deportivo, aos seguros, á hostalaría,..., pero cun eixo en común, o de “apostar agora e sempre polo desenvolvemento do Rosal e a súa comarca e crer na posibilidade dun maior desenvolvemento futuro do concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A iniciativa conta coa colaboración de dous recoñecidos economistas: Xabier Pérez Davila, profesor moi vencellado ao Rosal, e Xavier Martínez Cobas, profesor universitario vinculado ao ámbito da diagnose e a estratexia económica. Neste primeiro encontro, achegaron aos axentes sociais algúns datos xerais comparativos entre os concellos da comarca (O Rosal, Tomiño, A Guarda e Oia) para ver o punto de partida no que se atopa o municipio rosaleiro e, a partir de aí, traballar nas diferentes liñas de debate creadas.
O obxectivo final é crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva e nun ámbito teórico e práctico “para comezar a camiñar no desenvolvemento local do Rosal de xeito estratéxico coas nosas potencialidades. Porque aínda que hai cuestións sobre as que dende o Concello non temos competencias, si temos a incumbencia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario