ADRIÁN RODRÍGUEZ E EVA PIÑEL, GAÑAN O TRAIL DO TREGA
· No reencontro de Julia Vaquero Sousa co atletismo
Julia Vaquero e outra atleta feminina, entrando en liña de meta logo de completar satisfactoriamente súa participación no Trail do Trega
Infogauda / A Guarda
O Trail do Trega coroou a Adrián Rodríguez, na categoría masculina, e a Eva Piñel, na feminina, e rexistrou o reencontro de Julia Vaquero co atletismo.
Nunha emblemática sétima edición, os deportistas volveron demostrar na Guarda o seu compromiso coa competición. Todos eles deron ademais un exemplo de como realizar os protocolos sanitarios. Ninguén se saltou as normas. Todos as cumpriron. A machada. Puideron comprobalo Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Deportes e Turismo; e Gorka Gómez Díaz, deputado provincial de Deportes.
Julia Vaquero e outros atletas nos primeiros intres do Trail do Trega
A carreira reuniu a 300 participantes - ese era o tope de inscricións que foi acadado varios días do evento deportivo - que a afrontaron en grupos de 10, que saíron cada 30 segundos. Foron 14 quilómetros esixentes e duros, segundo todos os participantes. O bo tempo favoreceu a realización da proba que se realizaba por un percorrido - deseñado na procura da dificultade -, no emblemático Monte Santa Trega, unha das iconas de A Guarda.
Adrián Rodríguez foi o que ocupou a primeira posición na clasificación xeral cun tempo de 1:08:01. Alex Goberna foi segundo ao parar o cronómetro en 1:08:38. E o terceiro foi Daniel Pazó, que finalizou con 1:09.32.
A mellor na categoría feminina foi Eva Piñel, que conquistou o triunfo con 1:27:12. No segundo posto clasificouse Vanesa Villa, con 1:30:17. E a terceira posición foi para Tamara García, cun rexistro de 1:30:34.
Julia Vaquero saudando ao público que presenciou a proba deportiva
O Trail do Trega volveu ser un referente coa presenza de Julia Vaquero Sousa. A atleta que participara nos XXVI Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, volveu demostrar a súa clase e talento, despois de moito tempo afastada da competición. Hai uns meses que comezou os adestramentos e na proba que se realizou na súa vila natal confirmou que segue conservando toda a calidade deportiva de outrora.
Julia Vaquero levou o dorsal número 1, o que lle outorgou a organización como especial distinción polo seu brillante palmarés atlético. E a deportista levouno con orgullo. Como o que sentiron os participantes de compartir a carreira con ela. Antes da carreira achegáronselle moitos deles, para saudala e tamén para facerse fotos. O mesmo sucedeu tras o final. A deportista recoñeceu que “é duro o percorrido, pero gocei. Diso tratábase. De volver gozar co atletismo”. Aínda que pouco importaba para ela o lugar que ocupou ao final, foi a terceira mellor atleta feminina de A Guarda.
Julia Vaquero recoñeceu que “é moi bonito que existan este tipo de probas. E que participe moita xente. Iso quere dicir que o atletismo está vivo”. Ao remate da proba, a atleta guardesa mostrou varias veces as zapatillas coas que afrontou a carreira e agradeceu todas as mostras de respecto e admiración que recibiu.
O Trail do Trega cumpriu unha sétima edición cargada de simbolismo. Os 14 quilómetros convertéronse tamén nun desafío para Serafín Martínez, o organizador, pero tamén para o Concello de A Guarda e a Deputación de Pontevedra que apoiaron o evento desde que se expuxo a súa celebración. “Un xesto e aposta que se debe aplaudir”, sinalaron as autoridades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario