A Transición: do discurso pactado e dulcificado á crítica ao consenso imposto
A Deputación comezou hoxe as II Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade que este ano levan o título ‘A Transición. Outro discurso é posíbel'
As Xornadas de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra comezaron hoxe no
Pazo da Cultura
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
As Xornadas de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que hoxe comezaron no
Pazo da Cultura puxeron sobre a mesa a necesidade de cuestionar o
discurso pactado do 78, homoxéneo e acrítico sobre os actores,
institucións e organismos implicados na Transición, así como o papel
vivido na Galiza no paso da dictadura á democracia. Desde diferentes
perspectivas, os profesores Ángeles Diez e Xulio Prada, así como a
impulsora da Xunta Pro Devolución de Meirás Goretti Sanmartín e Xabier
Ferreira, autor do informe xurídico para a devolución, falaron da
francocracia, da non existencia dunha ‘transición galega', da simbólica
victoria sobre a familia Franco, que dará azos para reivindicar máis
patrimonio expoliado, para dar paso pola tarde a unha visita á Illa de
San Simón reivindicada por Luís Bará como Illa da Memoria.
A
xornada abriuse coa intervención da deputada provincial María Ortega,
que sinalou que é preciso "abrirse aos matices" e a non asumir a
"dulcificación e consenso" imposto no relato da Transición. Indicou que a
día de hoxe é preciso cuestionar e replantexar actores e insitucións:
"Os acontecementos fan que estas xornadas sexan máis precisas ca nunca.
Moita xente na sociedade estase a replantexar o papel da Coroa e a
necesidade de repensar o discurso para ter unha democracia madura. Hoxe é
o inicio de curso para moitas e moitos escolares. A nosa primeira
asignatura é a de axudar a medrar a democracia e achegar esa necesaria
luz sobre o discurso imperante", afirmou.
Pola súa parte, o
alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reclamou un relato
propio para Galiza máis aló do relato oficial centralista, un relato
galego. "Precisamos voces e miradas propias coas que construír e
difundir o noso relato, que dea cabida ao acontecido no noso país, que
integre a maior pluralidade de enfoques e sectores posible, e que faga
xustiza á semente que todos os mártires da liberdade daquel tempo nos
deixaron en herdanza", afirmou, para engadir que como alcalde dunha
cidade que leva máis de 20 anos traballando a prol dun relato máis
equilibrado e máis fideligno co acontecido naquela altura histórica,
"non podo máis que saudar con agrado esta xornada que hoxe comeza".
Francocracia
O relatorio inaugural foi protagonizado pola doutora en Ciencias
Políticas e Socioloxía da Complutese, Ángeles Diez, quen subliñou que na
chamada Transición Española houbo tanto continuidade como novidade,
pero nun periodo que significou a consolidación dun réxime que nin sería
democrático nin xa franquista, o que ela denomina ‘francocracia', entre
o 1966 e o 1986, pero que continúa ata hoxe, e que "supuxo un novo
trauma histórico que se engadiu ao trauma previo do golpe de Estado e a
guerra de resistencia posterior".
Diez tamén salientou que a
chave dos múltiples relatos sobre a Transición é a necesidade de
construír un relato homoxéneo para destruír unha memoria colectiva e
habilitar unha "memoria do presente": "A memoria compartida dos
realmente protagonistas e vítimas négase mediante tres tópicos: unha
transición pacífica, consensuada, e a única posible", destacou.
Así mesmo, a profesora tamén aproveitou para falar da emerxencia dun
partido fascista como VOX, debullado do tronco do PP, que "visibiliza a
continuidade ideolóxica e cultural que nuca abandonou os partidos e as
institucións e tamén é síntoma de como se decantan importantes masas de
poboación cara a un fascismo social reactivado". "Cada rama nova desta
democracia postfranquista, cada liderazgo político, cada escollo
xurídico, cada reforma institucional, agromou do mesmo tronco
franquista. E non poderá ser doutro xeito mentres non se faga xustiza e
se remate coa impunidade dos que de forma sistemática e continuada,
foron infrinxindo terribles sufrimentos a este país, mentres non se poña
voz aos protagonistas reais da Transición, aos que non se lles
recoñeceu a loita, aos que se seguiu tratando como perdedores que debían
aceptar o realismo das reformas posibles, ou, dito doutro xeito, dunha
continuidade moderna e normalizada", subliñou.
Máis centrado no
acontecido en Galiza, o profesor Xulio Prada fixo un percorrido polas
visións, enfoques e lecturas da Transición en Galiza, facendo a pregunta
de se realmente houbo unha Transición galega ou simplemente unha
Transición en Galiza, inclinándose pola segunda opción. Prada destacou a
necesidade de abordar os acontecementos no país non só desde unha
perspectiva política, senón tamén poñendo de relevancia os
acontecementos sociais que marcaron a época, cunha explicación complexa.
Puxo de relevo, así mesmo, que na Galiza, dende o punto de vista
historiográfico bótanse en falta testemuñas, memorias de protagonistas
do cambio político, a transición e os inicios da autonomía en
contraposición coa proliferación estatal.
Meirás
A xornada da mañá pechouse coa participación de Goretti Sanmartín,
impulsora da Xunta Pro Devolución de Meirás dende a Deputación da
Coruña, e do autor do informe xurídico sobre o Pazo, Xabier Ferreira. A
nacionalista valorou a importancia do éxito da sentenza coñecida nos
últimos días, que insta á devolución do pazo ao pobo, baseada nun modelo
de traballo colaborativo no que se uniu "a movilización social, a
investigación, a divulgación e tamén o compromiso institucional". A ex
vicepresidenta da Deputación da Coruña fixo un percorrido no tempo dos
pasos dados dende a institución provincial que derivaron na situación
actual, sinalando "que era preciso que o organismo provincial, que
participara no seu momento na Xunta do Pazo para o Caudillo, dese a
volta á situación e se producise unha reparación".
"A sentenza
non é o punto final. Non é firme e sabemos que o proceso será longo,
pero é osíxeno, é a primeira vitoria sobre o franquismo e ten o valor de
tela feito dende aquí. É o resultado do traballo dun país tras décadas
de loita", dixo, para sinalar que dá azos para ir tras outro patrimonio
expoliado polos Franco: "Marca un antes e un despois", sublliñou, para
criticar a postura de Feijóo, ao que instou a que se quere ser pioneiro
"vaia preparando a transferencia do pazo a Galiza cando pase a ser
patrimonio público e impida que a Fundación Francisco Franco se encargue
da xestión das visitas", finalizou.
Pola súa banda, Xabier
Ferreira, manifestou que a setenza de Meirás é a primeira vez na
historia xudicial española que pon en cuestión os negocios xurídicos da
ditadura, "froito da coacción, a simulación e a mentira". Indicou que o
debate nos vindeiros recursos basearase fundamentalmente no uso que se
lle deu ao pazo, xa ben particular pola familia Franco, ou por parte do
ditador por ser Xefe do Estado.
A xornada finalizou
pola tarde cunha visita á Illa de San Simón, onde o integrante da
Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) Matías Rodríguez realizou un
percorrido comentado, e onde o deputado Luís Bará falou das políticas
públicas de memoria na Galiza, e da necesidade de declarar a illa como
Illa da Memoria fronte á deturpación actual cando se utiliza como
"parque de atraccións". Pechou o día de maneira emocional, Enriqueta
Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica
de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falou
da loita civil pola memoria das vítimas.
Mañá sábado estará en
Pontevedra a Cristina Fallarás, xornalista crítica co papel dos medios
de comunicación no relato da Transición. Tamén Jacinto Lara, Irene
Francés e Jana Calero, integrantes da equipa da avogacía da querela
arxentina (CeaQua), para dar paso logo a unha homenaxe ao represaliado
Chato Galante, que faleceu este ano, sobre o que se emitirá un vídeo
conmemorativo.
Xa pola tarde haberá unha mesa redonda con
Tareixa Navaza; Margarita Ledo; Xurxo Souto e Santi Cortegoso e un
monólogo de Alberto San Juan titulado ‘Autorretrato de un joven
capitalista'.
Ningún comentario:
Publicar un comentario