A Xunta de Galicia coproduce con tres espazos creativos de Vigo as montaxes de ‘Clásicas desfeitas’, ‘Outras miradas’ e ‘Cambio de foco’
O novo Nononon.lab, Teatro Ensalle e Sala Ártica levarán a cabo cadanseu espectáculo a través da participación do Centro Dramático Galego
Recoñécese o intenso traballo destes colectivos como polo de difusión escénica para a cidade e a súa ára metropolitana
Os integrantes dos equipos mantiveron hoxe un encontro no Museo do Mar de Galicia cos directores da Agadic e do CDG
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
O Centro Dramático Galego (CDG) da
Consellería de Cultura, Educación e Universidade participa na produción
dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e
compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son
Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Teatro Ensalle con Outras
miradas e Sala Ártika con Cambio de foco.
Integrantes dos equipos
artísticos das tres compañías mantiveron esta mañá no Museo do Mar de
Galicia un encontro no que tamén interviron o director da Axencia Galega
das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e mais o
director do CDG, Fran Núñez. Durante a reunión, todos os asistentes
tiveron a oportunidade de intercambiar información e experiencias sobre
os momentos concretos no que se atopa cada proxecto.
A posta en
común tamén foi un xeito de recoñecerlles publicamente a estes
colectivos o intenso labor de promoción teatral que están a levar a cabo
en Vigo, xa que coa súa actividade compoñen un eixo de difusión
dramática de iniciativa privada con gran repercusión na cidade e en toda
a súa área de influencia e con crecente proxección tamén fóra dese
ámbito xeográfico.
Traballos abertos e en proceso
Nononon é
un novo espazo de creación e investigación escénica que está a preparar
Clásicas desfeitas co traballo de Coti Faro, Xacobo Castro, Laura
Iturralde, Lucía Estévez e Montse Piñeiro. A proposta, que se desenvolve
a partir dos textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein, ten como
premisa a experimentación, polo que non se pretende acadar respostas
sinxelas sobre as emocións ou o lugar do ser humano no mundo, senón
activar a busca por medio da reflexión e do diálogo. Clásicas desfeitas
ofreceu xa sesións abertas ao público a pasada semana na sala que
rexenta a compañía, e que continuará o proceso de creación con
representacións no marco de diferentes galegos e noutros recintos fóra
de Vigo.
Outras miradas é a última montaxe de Teatro Ensalle, un
proxecto docu-escénico que consta de tres fases: recompilación de
material escrito, plástico ou audiovisual; edición e deseño da
exposición dese material e traballo escénico para interactuar coa
devandita mostra. Partindo da obra A nosa especie, escrita polo profesor
de antropoloxía Marvin Harris, Teatro Ensalle formulou preguntas (sobre
política, ecoloxía, economía, educación, existencialismo...) a artistas
e cidadáns, entre eles creadores da talle de Carmen Werner, Sergi
Fäustino ou Antonio Fernández Lera. As respostas acadadas en diferentes
formatos son a fonte da que se nutre o espectáculo asinado e
interpretado por Pedro Fresneda, Raquel Hernández e Artur Rei. A estrea
será os vindeiros 25, 26 e 27 de setembro no escenario da rúa Chile.
Pola
súa banda, Sala Ártika achega Cambio de foco, un traballo de
investigación a cargo de tres equipos artísticos de diferentes xeracións
e con tres xeitos distintos de ver o teatro. O obxectivo deste
laboratorio é tender unha ponte entre a creación e o público, o que
permitirá coñecer como percibe cada espectador as diversas pezas que o
compoñen. O único común das tres son a liberdade creativa e o emprego do
conto Sapatos de tacão alto, de Mia Couto. Ocúpanse da dirección e
dramaturxia Marcos Alonso, Afredo Rodríguez e Rafael Rey; na dirección
musical está Anxo Fernández e, no elenco, Rocío Salgado, Martín Maez,
Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey e Mathias
Rodríguez. A estrea será o 6 de decembro na propia Sala Ártika.
Ningún comentario:
Publicar un comentario