10 de set. de 2020

PONTEVEDRA

O 7º Pont-Up Store só desenvolverá actividades en liña e apraza o programa presencial a unha data máis segura 

A organización presentou hoxe unha programación con cambios de última hora derivados da decisión que tomou onte o comité de expertos sanitarios que asesora á Xunta de Galicia, e que decidiu restrinxir os eventos no concello de Pontevedra

Na presentación participaron a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco Rial;  o deputado provincial, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa
Foto: Marían Fernández


 Infogauda / Pontevedra

 O Pont-Up Store presentou esta mañá en Pontevedra a programación da súa 7ª edición, que se desenvolverá entre o xoves e o sábado da próxima semana como estaba previsto, pero mantendo únicamente as actividades en liña e adiando todos os contidos presenciais a unha data que se decidirá en función de como vaia evolucionando a situación sanitaria. Queda descartada polo tanto a carpa da Praza de España con todas as actividades previstas nas súas instalacións, así como as propostas presenciais que estaban programadas noutros puntos da cidade, entre elas o exitoso negocio do talento Pont-Up Exprés.  

 Na presentación participaron a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco Rial;  o deputado provincial, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, quen presentou os detalles da programación en liña e manifestou a necesidade de “aplicar a máxima cautela en pro da saúde pública, por moito transtorno que supoña para un evento coma este, e coa esperanza de recuperar unha situación de certa normalidade o antes posible”; e engadiu que “o lema deste ano era o camiño, agora o camiño continúa pero vai ter unha etapa máis cando os datos da COVID-19 melloren; e mentres imos manter a parte formativa do programa en formato exclusivamente dixital”.  

 A respecto do adiamento da parte presencial do encontro, Figueroa asegurou que en canto nos deixen volveremos a programalo xa que o Pont-Up Store é agora máis necesario que nunca porque ademais do risco habitual que conleva sempre iniciar un emprendemento, as persoas que deciden lanzar o seu negocio atópanse neste momento con moitas situación adversas e incertas para as que queremos ofrecerlles todo o apoio posible”. Neste sentido, destacou precisamente as actividades en liña orientadas a axudar ás persoas emprendedoras a facer fronte á nova situación que plantexa a pandemia con actividades como os módulos que vai impartir AJE en streaming, baixo o suxerente título de ‘Como deseñar a vacina para frear os efectos da COVID-19 no teu negocio utilizando metodoloxía do pensamento do deseño. 

 O director do Pont-Up explicou que a pandemia internacional está xerando unha gran incertidume no terreo económico, forzando cambios empresariais moi bruscos, nun curto período de tempo, que obrigan a moitas empresas a iniciar procesos de dixitalización, aínda carecendo dos mecanismos e coñecementos básicos; por iso, esta edición do Pont-Up Store, a través do grupo Wordpress Pontevedra vai ofrecer espazos formativos en liña para axudar a emprendedoras e emprendedores a enfrontarse a esta situación coa axuda de persoas expertas no mundo do marketing, a comunicación e o emprendemento: Nestas sesións, coñeceremos de primeira man a experiencia de persoas que atravesaron procesos de dixitalización e que contarán como o viviron e que aprenderon.  

 Dentro da programación que se mantén, tamén destacou como novidade o Espazo de Internacionalización que presenta tres actividades en liña organizadas pola entidade Ticket2Europe para axudar a que as persoas emprendedoras en Galicia comprendan que, para construír os seus proxectos, é de vital importancia aprender do que sucede máis alá do seu entorno. Os encontros están plantexados como obradoiros, un deles en inglés, onde as persoas participantes poderán a prender a construír a súa rede de alianzas internacionais, coñecer a persoas emprendedoras doutros países para conocer sus historias de emprendemento social; e desbloquear os medos á hora de emprender.  

 Ademais, este ano o Pont Up Store volve traer a Pontevedra un sector en crecemento en todo o mundo: a industria dos videoxogos. Dentro do Espazo Gaming, programaranse charlas divulgativas, organizadas por SPA-cc / HobbyPont, só en modalidade en liña e dirixidas a aquelas persoas interesadas en coñecer experiencias de emprendemento que teñen saltado dos videoxogos a eidos profesionais nos que os xogos serios aproveitan o aprendido na industria do ocio para completar, mellorar ou suplementar a experiencia do usuario por medio do uso da realidade aumentada e a realidade virtual.  

 Tamén estará de novo presente o Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, no que se inclúen as mencionadas actividades de AJE, xunto coa proposta formativa en liña de R ‘Leva o teu negocio ao seguinte nivel co marketing dixital’ destinada a que as persoas emprendedoras coñezan os fundamentos do marketing dixital para mellorar a presenza e posicionamento en liña do seu proxecto de negocio co obxectivo de atraer clientes e aumentar as súas ventas.  

 Dentro do Espazo de Innovación Social presentaranse tamén en formato dixital proxectos con impacto social de Galicia e do estranxeiro, que desde diferentes ópticas lograron trunfar co seu propio modo de facer as cousas; con algún caso de retorno ás orixes, a traballar desde entornos rurais que neste momento de crise sanitaria semellan ser os máis seguros e saudables, e tamén o máis sostibles.  

 Pedro Figueroa convidou ao público a participar nas actividades que se ofrecerán en transmisión, e explicou que a web, totalmente renovada, funcionará a partir deste ano como plataforma para soportar a dixitalización dun evento híbrido, co obxectivo de ir sumando contidos que conformen un repositorio estable e de interese para os novos emprendementos.  

 O vicerreitor, Jorge Soto, destacou que o Pont-Up Store é o evento de emprendemento máis punteiro que hai hoxe en Galicia e por iso “é importante que continúe ao menos no formato en liña neste momento no que hai que apoiar especialmente á xente que emprende, e no que tamén temos que demostrar que somos capaces de adaptarnos e construír novos escenarios”. 

 O deputado Carlos López Font, asegurou que “somos optimistas e temos que seguir con ganas porque o Pont-Up está vivo e vaise facer dun ou doutro modo”. 

 Pola súa parte, a concelleira, Gloria Blanco Rial, explicou que en canto teñan datos que o permitan, estudarán dende o Concello de Pontevedra unha nova data para realizar o encontro na súa modalidade presencial “porque apoiar ao emprendemento é agora máis necesario que nunca”. Como responsable do departamento municipal de igualdade, tamén destacou a palestra en liña que xuntará a varias hackers éticas galegas expertas en ciberseguridade que debaterán sobre o presente e o futuro do ciberespazo; e a mesa redonda de mulleres emprendedoras da Comunidade Up que analizarán como están afectando os efectos da pandemia ao posicionamento laboral das mulleres.  

 O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes sete anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento.  

 Podedes consultar na web o programa detallado onde tedes a posibilidade de aplicar os filtros ÀPRAZADO’ ou ‘NON APRAZADO’, ademais dos filtros dos distintos espazos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario