27 de set. de 2020

A GUARDA

DOUS ANOS DESPOIS DO COMEZO DAS OBRAS 

A "PORTA DO TREGA" EVIDENCIA A INCURIA EXISTENTE


        Dous anos despois do comezo das obras da "Porta do Trega", os traballos están sen concluir
                                                                        Fotos: Infogauda
 

Infogauda / A Guarda 

 

 O día 1 de setembro de 2017 informamos neste xornal dixital transfronteirizo da sinatura do convenio para o proxecto de construción dunha área de información e control de accesos ao Monte Santa Trega, denominado "Porta do Trega", acto celebrado na Casa dos Alonso, e no que participaron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz.

 Tal e como se indicou oportunamente o Concello recibirá unha contía total de 200.000 euros para acometer as obras de mellora do punto de control de visitantes, a construción dun novo punto de información e unha zona de servizos, ademais da modificación das vías de entrada.  

 Díxose tamén que o proxecto toma o nome da similitude estética da obra cunha porta de acceso ao monte, dentro da cal se incluirán as áreas de información, recepción e servizos. Neste sentido, Nava Castro destacou a necesidade do proxecto, considerado como “prioritario” pola Axencia de Turismo de Galicia, por ser “unha forma de promoción” coa que se dota dunha mellor recepción aos milleiros de visitantes que cada ano se achegan a este emblemático destino turístico.   

 Nava Castro, que celebrou a colaboración entre administracións a prol do interese xeral e os obxectivos comúns, referiuse ao Castro de Santa Tegra como “un libro aberto que fala da nosa historia, desa historia que debemos coñecer máis e compartir cos que nos visitan”.

 O alcalde da Guarda, pola súa parte, quixo destacar a importancia “tamén de cara ao futuro” das melloras que se pretenden co proxecto, de xeito que estas obras sirvan tamén como base para a optimización da xestión do Monte Santa Trega nos próximos anos. 

 O custo total do proxecto ascende a 220.000,00 euros, dos cales o Concello da Guarda asumirá 20.000,00 €. Preténdese que a obra estea completada o próximo verán, sempre e cando se consiga o necesario permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia (...)".

ÁS OBRAS FORON INICIADAS FAI DOUS ANOS E ESTÁN SEN CONCLUIR

 


 O pasado día 22 de agosto de 2020 cumpliuse o segundo aniversario do comezo das obras de construcción da primeira fase da "Porta do Trega", ubicada na zona de Chans - de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de A Guarda -, no Monte Santa Trega, singular enclave arqueolóxico e paisaxístico, que ostenta as decraracións de Monumento Histórico Artístico Monumental - desde 1931 - e Ben de Interese Cultural (BIC).

  No devandito proxecto de ordenación e xestión de accesos, denominado "Porta do Trega", cuxas obras, como decimos están sen rematar, estaba previsto - segundo comunicou no seu día o Equipo de Goberno Municipal do Concello de A Guarda - "(...) habilitar un espazo que actuará coma centro de recepción aos milleiros de visitantes que cada ano acuden ao Monte Santa Trega, dignificando o acceso a este espazo, terá ademais o módulo de control e outro módulo para servizo dos traballadores".  

 Díxose tamén que "este proxecto repercutirá na posta en valor da Citania de Santa Trega e o seu entorno, un ben patrimonial de gran interese turístico, o que permitirá e dará pé a un novo sistema de xestión do Monte Santa Trega, coa posibilidade de habilitar unha zona de estacionamento de vehículos e introducir un transporte lanzadeira colectivo para a subida ao Trega dos visitantes, ademais de enlazar cos sendeiros existentes para o acceso a pé.  

 A execución deste proxecto realizarase en varias fases, sendo esta primeira na cal se preparará e acondicionará o terreo, cunha pavimentación especial para a redución da velocidade dos vehículos así coma a creación dos tres módulos contemplados (control e peaxe, recepción de visitantes e servizos para os traballadores).  

 Nunha segunda fase habería que adecuar os viais existentes aos novos trazados contemplados no proxecto e construír a lámina unificadora do conxunto.  

 En total, o espazo de edificacións comprenden unha superficie de máis de 600 m2, baixo as directrices do proxecto redactado polo arquitecto Mauro Lomba Martínez".

SITUACIÓN ACTUAL DA "PORTA DO TREGA"

 A día de hoxe a  realidade é que  todo o construído en relación co proxecto "Porta do Trega", está como se dí coloquialmente "aos paxaros", vendo pasar os días, as semanas, os meses,..., sen desempeñar os fins para os cales fora deseñado, e tal e como se anunciou, ía ter. 

 Visto o estado no que se atopan algunhas das edificións, todo parece indicar que desde fai algún tempo "A Porta do Trega" está sendo obxecto de presuntas accións que atentan directamente contra eses  bens. Esa é a razón polo cal logo de constatar o paulatino deterioro desas infraestructuras, decidimos facer esta chamada de atención a quen corresponda, para tentar frear o vandalismo e os presuntos "usos" que algúns individuos lles están dando ao que alí foi implantado, e ao mesmo, reivindicar que "A Porta do Trega" cumpla súas funcións. Mentras tanto á incuria está de manifesto. E iso é realmente preocupante.

PROPOSTAS PARA SÚA IMPLEMENTACIÓN SEN DEMORA

 A modo de suxerencia non estaría de máis pensar na seguranza, protección e mesmo no elemental confort, das persoas que desenvolven seu labor de cobranza da taxa de acceso ao Monte Santa Trega, adoitando - entre outras recomendables, cando se trata de xestión económica en metálico - as medidas e protocolos sanitarios que a pandemia da Covid-19 obriga a adoitar. 

 Asemade, debería crearse una atractiva páxina web do Monte Santa Trega; implementar a disponibilidade de medios de pago alternativos in situ; e promover á reserva de acceso e pago anticipado das devanditas taxas.

 Por outra banda habería que retomar o proxecto de dotación de auga potable e saneamento ata o cumio do Monte Santa Trega, así como á supresión do antiestético cableado aéreo e mesmo a reducción - como paso previo á súa total supresión - das antenas existentes no Pico do Facho e no Pico de San Francisco.

 Para rematar por hoxe, entendemos que de todo iso debería ser o Padroado Municipal "Monte Santa Trega" quen liderase esas propostas, de tal xeito que nunha vindeira sesión figurasen nos asuntos a tratar, e logo do correspondente debate se leven a bo termo, se así o consideran oportuno seus membros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario