1 de set. de 2017

A GUARDA

O CONCELLO E A AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA ASINAN O CONVENIO PARA A CONSTRUCIÓN DA "PORTA DO TREGA"

O custo total do proxecto ascende a 220.000,00 euros, dos cales o Concello da Guarda asumirá 20.000,00€

O proxecto "Porta do Tegra" inclúe a construción dunha edificación que albergará punto de recepción de visitantes, posto de control, cobro e regulación de acceso ou espazo de información turística e obras de acondicionamento e pavimentación

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz asinando o convenio para o proxecto de construción dunha área de información e control ao Monte Santa Trega, denominado "Porta do Trega"
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, asinaron esta mañá o convenio para o proxecto de construción dunha área de información e control ao Monte Santa Trega, denominado "Porta do Trega".  

 O Concello recibirá unha contía total de 200.000 euros para acometer as obras de mellora do punto de control de visitantes, a construción dun novo punto de información e unha zona de servizos, ademais da modificación das vías de entrada.  

Croquis da "Porta do Trega", do arquitecto Mauro Lomba Martínez

 O proxecto toma o nome da similitude estética da obra cunha porta de acceso ao monte, dentro da cal se incluirán as áreas de información, recepción e servizos. Neste sentido, Nava Castro destacou a necesidade do proxecto, considerado como “prioritario” pola Axencia de Turismo de Galicia, por ser “unha forma de promoción” coa que se dota dunha mellor recepción aos milleiros de visitantes que cada ano se achegan a este emblemático destino turístico.

 Nava Castro, que celebrou a colaboración entre administracións a prol do interese xeral e os obxectivos comúns, referiuse ao Castro de Santa Tegra como “un libro aberto que fala da nosa historia, desa historia que debemos coñecer máis e compartir cos que nos visitan”.



 O alcalde da Guarda, pola súa parte, quixo destacar a importancia “tamén de cara ao futuro” das melloras que se pretenden co proxecto, de xeito que estas obras sirvan tamén como base para a optimización da xestión do Monte Santa Trega nos próximos anos.  

 O custo total do proxecto ascende a 220.000,00 euros, dos cales o Concello da Guarda asumirá 20.000,00 €. Preténdese que a obra estea completada o próximo verán, sempre e cando se consiga o necesario permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

 Crecemento do 30% en Vigo-Baixo Miño  

 A directora de Turismo de Galicia lembrou que esta iniciativa afonda a nos compromisos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que guía a xestión do Goberno galego neste eido, coa participación do sector privado e coa calidade e a sustentabilidade como guías. Como se reflicte na dita estratexia, este proxecto impulsa o enfoque turístico do patrimonio de xeito planificado, potencia os valores diferenciadores de Galicia aproveitando o mellor de cada zona, e mellora os recursos turísticos dos concellos da Comunidade.  

 Así, contribúese ao impulso da Guarda e do sur de Galicia como un destino diferenciado e de calidade. Só nos sete primeiros meses deste ano, o xeodestino Vigo-Baixo Miño, ao que pertence A Guarda, recibiu preto de 346.000 viaxeiros, o que supón unha suba do 29,5%. Ademais, rexistráronse preto de 674.000 pernoitas, o que representa un aumento do 35,5%. O turismo nacional subiu un 30% e aínda con máis forza aumentou o internacional, cun 56%, unha oportunidade do destino á que Turismo de Galicia contribúe tamén con este convenio

1 comentario:

  1. O que mais falta fae para A Guarda e os guardeses é iso ¡Si señor! a porta de Trega. Non fae falta mais nada no pobo ¡está todo arreglado e limpo!. ...O que hay é muy pouca cabeza Sr.alcalde!!!.Xá podia ter vostede un pouco de xuizo que xa é grandiño.

    ResponderEliminar