18 de ago. de 2020

TUI

Anxo M. Lorenzo inaugurou as exposicións ‘Domingo de Andrade: xenio, gloria e oficio’ e ‘Facer camiño’ en Tui  

A primeira está composta por 24 paneis divididos en oito prismas que amosan a súa pegada en construcións emblemáticas como a Berenguela ou a escaleira de Bonaval 

‘Facer Camiño’ recolle pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela é a peregrinación xacobea


Infogauda / Tui

  O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Corredoira do Seminario Menor a mostra Xenio, gloria e oficio coa que a Xunta, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, pon en valor a figura do arquitecto Domingo de Andrade. Trátase dunha exposición itinerante en vindeiras datas continuará divulgando o seu legado Ourense e Lugo.

 A exposición inaugurada hoxe en Tui, comisariada polos membros da Real Academia Galega de Belas Artes José Ramón Soraluce e Ramón Yzquierdo, está composta por 24 paneis, divididos en oito prismas, nos que se mostra a través de imaxes fotográficas, planos e textos a longa traxectoria de Domingo de Andrade así como o seu traballo en construcións relixiosas e civís como templos, vivendas, claustros, sacristías ou retablos.

 A mostra está enmarcada no Día das Artes Galegas que este ano se dedica a Domingo de Andrade. Cómpre destacar que, neste contexto temporal atípico provocado polo coronavirus, a Academia de Belas Artes decidiu estender esta conmemoración a Domingo de Andrade ao ano 2021.

 Nesta mesma xornada, Anxo M. Lorenzo tamén inaugurou na localidade a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía en Vigo, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas.

A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco. En concreto, a exposición acolle obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

 Facer Camiño enmárcase na colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración o pasado mes de xuño. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia investirá preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra de xeito monográfico en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario