UNHA OBRA DA DESEÑADORA TAMARA BAZ, DA Á BENVIDA Á UNHA DAS PRAIAS MÁIS FERMOSAS
· En Fedorento, moi preto do centro da vila, do porto pesqueiro e á beira do Camiño pola Costa
Tamara Baz Alonso, xunto a unha parte do mural da súa autoría, na praia de Fedorento
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A toponimia, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, é a “parte da onomástica que estuda a orixe, historia e significación dos nomes de lugar (...)”, ainda que ás veces non vai parella coa beleza natural dun territorio. Mesmo pode parecernos oposta ás características dalgún enclave en particular. Neste caso concreto co nome dunha fermosa praia: Fedorento.
Con todo, a significación dese topónimo - Praia de Fedorento -, ten súa orixe - por desprender fedor a argazo, cando bótao o mar e as algas pasan varios días varadas no litoral -, e con certeza provén desde temos moi antigos. Suxerimos unha consulta a obra "Microtoponimia da Guarda", da autoría do profesor D. José Luís Lomba Alonso, que hoxe por hoxe é sen lugar a dúbidas, o traballo de investigación toponímica da nosa localidade feito con maior rigor etimolóxico.
Compre lembrar que na Praia de Fedorento, a presenza do fedor a algas tampouco é permanente, pois nen sempre se acumula argazo no areal, senón en épocas moi concretas. Tanto é así que na tempada de verán é un lugar que acolle a bañistas guardeses e tamén visitantes, que gozan a cotío desa praia.
E precisamente, na Praia de Fedorento, ao carón da ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa, loce desde fai uns días en que concluíu seu labor creativo, unha obra mural da autoría dunha deseñadora guardesa: Tamara Baz Alonso.
Vista do mural da Praia de Fedorento
Trátase dunha intervención mural duns 40m2 realizada a man alzada con aerosol pola devandita ilustradora local, por encargo do Equipo de Goberno Municipal. “Debido a ubicación do soporte, no propio muro que pecha a praia de Fedorento, na Guarda, moi tranquila e familiar, optouse - dixo Tamara Baz a este cronista - por empregar unha estética amable, fuxindo das formas agresivas do grafiti máis puro, e co emprego dunha gama cromática moi chamativa e optimista”.
O primeiro tramo está inspirado na pintura simbolista “The Horses of Neptune” - “Os cabalos de Neptuno” -, do artista inglés Walter Crane, “onde se mostra ao deus mitolóxico cos seus cabalos, moi enfadado, axitando o seu tridente para iniciar unha marusía”. “Nesta ocasión - engade Tamara -, a personaxe mitolóxica de Neptuno está caracterizada nunha figura feminina, empoderando a bravura, carácter e afouteza das mulleres.
O resto do deseño tamén xira ó redor do mar, empregando varias figuras da fauna mariña. Dende unha feroz quenlla ata uns simpáticos peixes que queren mostrar a outra cara da moeda, a parte amábel e de gozo do mar”.
Por último Tamara Baz lembrou que “a peza anterior que ocupaba o muro, xa moi acusada polo paso do tempo e a natureza efémera da arte urbana, fora realizada por un grupo de mozos e mozas baixo a tutela de Adrián Lomba Balea, artista vigués con raíces tamén guardesas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario