Areeiro recomenda manter o nivel de vixilancia ante o desenvolvemento do mildio
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén aconsella o control dos cicadelidos e revisar as alteracións da madeira
Gromo novo testemuña destruido por mildio
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica Areeiro,
centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo
aviso fitosanitario no que reporta unha situación bastante tranquila do mildio
nas parecelas fixas e nas aleatorias. Porén, nas plantas testemuña e
nas abandonadas a enfermidade continúa avanzando, aparecendo síntomas
novos, secando gromos e proseguindo a defoliación das plantas polo que,
aínda que o bo tempo apunta a un risco de infección menor, débese seguir
cun alto nivel de vixilancia.
En canto ás avelaíñas do acio,
na estación apareceron os dos dous primeiros machos da segunda xeración
de Lobesia botrana nunha das trampas instaladas. Amais, segundo as
observacións desta semana os cicadelidos da especie
Zygina rhamni continúan sendo dominantes sobre os de Empoasca vitis e
para as seguintes xornadas espérase un certo incremento dos seus niveis
poboacionais. En relación aos ácaros, esta semana o centro observou un maior número de viñas con síntomas de erinose de verán. Tamén se recomenda revisar as alteracións da madeira, marcando as plantas afectadas e eliminando plantas enteiras ou brazos mortos.
Pola súa banda, nos gromos novos e tenros de moitas árbores de cítricos seguen a observarse ovos e ninfas de psila africana.
A Estación Fitopatolóxica aconsella eliminar os gromos para axudar á
contención das poboacións así como instalar tampas amarelas a carón
destas árbores. No buxo o avance da Cydalima perspectalis, bolboreta do buxo, foi
moi notorio esta semana en moitas sebes, ata o punto de presentar xa
todas as follas secas. Noutras aínda non se produciu a defoliación ou
secado e requírese un nivel de alerta máximo ante as altas temperaturas
que se esperan nos próximos días.
No que respecta ao botrite,
en caso de que se cumpran as previsións meteorolóxicas, nas próximas
xornadas non se esperan condicións favorables ás infeccións por este
patóxeno. Tampouco se observan cambios destacables na presenza do oídio nin do black-rot.
Ningún comentario:
Publicar un comentario