A Xunta de Galicia somete a información pública o proxecto da senda na PO-352, entre A Guarda e Camposancos, cun investimento de máis de 1,3M€
• O prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados desde mañá, é dicir, do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG
• A actuación permitirá habilitar un itinerario peonil e ciclista continuo aproveitando a traza da PO-352 que circunvala o Monte de Santa Trega
• Trátase de executar unha senda paralela á PO-352, entre os quilómetros 1+910 e 4+040 e 5+210 e 5+950, para o acceso da poboación ao centro da Guarda, ao cemiterio ou a establecementos industriais da zona
• A Xunta de Galicia prevé aprobar o proxecto e licitar a execución das obras no primeiro semestre do 2026
Infogauda / A Guarda
No día de hoxe, venres, 17 de outubro de 2025, a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto da senda na estrada PO-352, que comunicará A Guarda con Camposancos e suporá un investimento estimado de máis de 1,3 M€.
O prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251017/AnuncioG0181-061025-0001_gl.html
A previsión é poder aprobar o proxecto e licitar a execución das obras no primeiro semestre do 2026.
O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e habilitar unha senda, que discorrerá aproveitando o trazado desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 1+910 e 4+040 e 5+210 e 5+950, no concello da Guarda.
A Xunta de Galicia propón realizar a nova senda á mesma cota da PO-352, de maneira que no se afecte a drenaxe actual da estrada. Por outra parte, con vistas a evitar condicionar futuras ampliacións desta vía, prevese separar a senda da estrada, creando unha berma intermedia que permita futuras ampliacións.
Así, a senda proposta contará cunha sección tipo de 2 metros de ancho, aínda que nalgún punto é preciso reducir esta dimensión para respectar algunha edificación ás edificación pola existencia dalgún obstáculo (edificacións), e será de formigón coloreado en cor “terrizo”.
Ademais, para a execución deste itinerario, será preciso ampliar a plataforma de traballo, para o que se realizarán once muros de contención de terras cunha altura máxima de 2 metros. No proxecto inclúense tamén as obras de drenaxe necesarias, así como a execución de 365 m de cunetas de seguridade.
As actuacións nas redes de servizos consistirán na execución de canalizacións baixo as sendas para o futuro soterramento das liñas aéreas e en retranqueos de postes e de cinco puntos de luz que ven afectados polo trazado da senda.
O Goberno galego segue a traballar en actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada, mellorando e favorecendo nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario