A EUROCIDADE VILA NOVA DE CERVEIRA-TOMIÑO E A AECT RIO MINHO, RECLAMAN UN PLAN DE RECUPERACIÓN ESPECÍFICO PARA O TERRITORIO TRANSFRONTEIRIZO
· ANALIZAN EN TOMIÑO AS PRIORIDADES E PROPOSTAS PARA PRESENTAR AOS ESTADOS, Á DIRECCIÓN XERAL DE RELACIÓNS EXTERIORES DA XUNTA DE GALICIA E Á EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
· PROPORASE A CREACIÓN DUNHA TARXETA CIDADÁ TRANSFRONTEIRIZA PARA SIMPLIFICAR TRÁMITES E MOBILIDADE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesus Gamallo participou, xunto coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o director da AECT Rio Minho, Uxío Benitez, o vicedirector desta entidade, tamén presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, xunto con directivos da AECT Galicia-Norte de Portugal, na xornada de traballo mantida hoxe en Tomiño
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
Os plans de recuperación posCOVID19 deben ter unha liña de apoio específica para os concellos limítrofes coa fronteira Portugal-España, xa que neles dáse un dobre impacto negativo: ao derivado da COVID19, como no resto do territorio, súmase a penalización provocada pola restauración das fronteiras. Esta é a principal conclusión da xornada de traballo mantida hoxe en Tomiño para analizar medidas de recuperación e impulso á cooperación transfronteiriza tras a crise da COVID 19, coa participación da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o director da AECT Rio Minho, Uxío Benitez, o vicedirector desta entidade, tamén presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, xunto con directivos da AECT Galicia-Norte de Portugal e máis o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesus Gamallo.
Os responsables dos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira enfatizaron a necesidade de que as autoridades españolas e portuguesas acorden esa liña específica de apoio aos territorios de fronteira na próxima cimeira hispano-lusa.
Neste sentido, tanto Sandra González como Fernando Nogueira lembraron a importancia de recoñecer a singularidade da realidade educativa, socioeconómica, cultural e comercial das Eurocidades, tras “o esforzo realizado nos últimos anos para non duplicar servizos, atendendo a criterios de eficiencia e aos principios promovidos desde a Unión Europea”, o que se víu gravemente comprometido por un peche de fronteiras que ignorou estas situacións particulares.
A imaxe documenta un dos momentos da reunión celebrada no día de hoxe no Salón de Plenos do Concello de Tomiño
Desde a AECT Rio Minho, que engloba os 26 concellos do territorio de fronteira galego portuguesa do Alto e Baixo Miño, con máis de 370.000 habitantes, Uxío Benitez propuxo “considerar os obxectivos e prioridades da Estratexia 2030 do Río Miño Transfronteirizo como base para o impulso dun Investimento Territorial Integrado (ITI)”, un instrumento de financiación específico para o territorio fronteirizo, financiado con fondos europeos e de ambos estados, para ser xerido polas entidades locais de cooperación territorial e, en particular, pola AECT Río Minho, en colaboración coas Eurocidades e autoridades da Eurorrexión. "As Eurocidades e a AECT Rio Minho amosaron a súa capacidade para detectar os problemas que sofren os veciños e veciñas do territorio fronteirizo e son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia”, subliñou Benítez.
Entre as iniciativas dirixidas a evitar no futuro os prexuízos do peche de fronteiras, destacou a proposta da AECT Rio Minho da creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza que poida contribuír á simplificación de trámites e facilitar a mobilidade para os habitantes do territorio.
Asemade, segundo indicou Jesús Gamallo, a reunión centrouse en sentar as bases dun “Plan de Impulso á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal”, un documento que recolle un abano de propostas cun dobre obxectivo. Por unha banda, que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consiga facer fronte aos retos derivados da pandemia, nomeadamente aqueles derivados do parón da actividade económica e do peche da fronteira, analizando as posibles fontes de financiamento europeo e estatal para acabar este obxectivo, e, por outra banda, que cheguemos a estar preparados, nun futuro hipotético, ante unha situación similar, e evitemos outro peche de fronteiras, de repercusións sociais e económicas tan negativas.
O borrador do Plan foi enviado a diferentes actores da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal e esta reunión inaugura unha serie de contactos que pretenden estudar conxuntamente as súas consideracións técnicas e integralas no futuro documento.
Finalmente, os responsábeis da Eurocidade Vila Nova de Cerveira-Tomiño e os directivos da AECT destacaron a importancia do territorio transfronteirizo do Río Miño como evidencia da vitalidade tanto das relacións entre Galicia e Portugal como da vontade de asentar unha cooperación estratéxica entre os habitantes e institucións eurorrexionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario