12 de xuño de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o programa ‘trOPOS' para actualizar e mellorar os procesos selectivos de persoal na Administración local  

Segundo explicaron a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, haberá cursos de formación e darase asesoramento a persoal participante en tribunais de selección 

A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera na presentación do programa ‘trOPOS'  
Foto: D.PO

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha o programa ‘trOPOS' para actualizar e mellorar os procesos selectivos de persoal tanto na propia institución provincial como nos concellos. A finalidade do programa, nas palabras da presidenta, Carmela Silva, e do vicepresidente, César Mosquera, é un cambio profundo no desenvolvemento das oposicións, incorporando coñecementos e avances científicos en diversas áreas, dando un salto de calidade que permita que o persoal que obteña unha praza sexa realmente, e non só na teoría, o máis axeitado para o seu posto dentro da administración.

  Segundo explicou Mosquera, promotor da iniciativa, a Deputación decidiuse a poñer en marcha o programa ‘trOPOS' (acrónimo de ‘transformar oposicións') co fin de adaptar a administración "para estar a altura das esixencias cada vez máis elevadas da cidadanía e buscar a excelencia na prestación dos servizos públicos". Segundo dixo, ese obxectivo só se consegue dando un xiro en moitos ámbitos, pero tamén desde o punto de vista da selección de persoal.

  O vicepresidente destacou que os procesos selectivos de persoal caeron na ‘rutinización', aplicando bases de convocatorias moi similares entre si e antigas, xa que en xeral existe un problema funcional derivado de que non se dedican esforzos nin recursos para modernizalos. "Neste Goberno temos avanzado e cambiado moitas dinámicas anteriores: o relatorio, a atención política agora baseada na igualdade, a eliminación da libre disposición de fondos por parte da Presidencia –instaurando a concorrencia, transparencia e equidade–, así como o enfoque que demos aos residuos ou ás estradas provinciais. Agora chegou o momento de dar un cambio profundo e real na selección de persoal", destacou.

 ‘TrOPOS' estará dirixido especialmente a persoal ao servizo das Administracións locais con participación na redacción de bases e persoas integrantes dos tribunais de selección para mellorar a súa cualificación e competencia. Consistirá en actividades de formación, asesoramento, colaboración na redacción de bases e na elaboración de material e instrucións para integrantes dos tribunais, así como doutros traballos que se desenvolverán ao longo dun período total de tres anos.

  Para realizar este programa contrataranse por parte da Deputación dúas persoas técnicas superiores especialistas en procesos selectivos na Administración local encargadas de planificar programar, avaliar e executar o programa. Unha delas tería ademais a función de coordinar ‘trOPOS' baixo a dirección da xefa de servizo de Recursos Humanos da Deputación.

  Desde a Deputación farase un chamamento aos concellos da provincia para participar deste programa, tendo que formalizar unha adhesión. A intención é que cada curso de formación teña unha duración de catro meses, que se desenvolverán a partires do mes de setembro.
Validez e fiabilidade
  Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, as oposicións deberían seleccionar as persoas máis competentes para o desempeño dos postos de traballo na Administración, polo que o lóxico é que as probas de acceso estivesen moi vinculadas coas tarefas do posto a cubrir, cando isto está lonxe da realidade. "Na práctica acontece calquera cousa menos iso", indicou.

  Neste sentido, Mosquera puxo sobre a mesa a necesidade de que as oposicións se rexan pola transparencia e a equidade e cumpran con dous conceptos clásicos, o de validez e o de fiabilidade: Isto é, que a persoa que opta a un posto demostre a súa capacitación para unha función, e que de volver a realizar unha proba os resultados sexan parecidos sen influencia da sorte.

  "É delirante que nunha oposición para un enxeñeiro non se obrigue a facer o exercicio en Autocad e se faga a man, ou que os temas vaian por sorteo nunha pregunta única, xa que de cambiar esa pregunta habería seguro un cambio na orde de puntuación das persoas opositoras", destacou o nacionalista. Lembrou, así mesmo, que cada persoa que acada unha praza nunha Administración pública ten logo unha extensa vida laboral, polo que é esencial afinar na súa selección.

  O vicepresidente quixo dar as grazas a todo o persoal da Deputación involucrado neste programa, do que dixo, "non so mostra colaboración senón entusiasmo coa perspectiva duns procesos selectivos mellorados". "Este programa é unha medida de longo alcance, de principios democráticos e de compromiso co mellor funcionamento da Administración. Os resultados non se verán de xeito inmediato, veranse co paso dos anos. A ilusión compartida por mellorar a Administración local lévanos a non escatimar esforzos e recursos para que o programa sexa un éxito do que toda a sociedade se beneficie", finalizou.
Idea complexa e reflexionada
  Pola súa banda, a presidenta, Carmela Silva, destacou que este proxecto nace dun estudo moi profundo que se leva facendo durante moito tempo, un estudo teórico moi ben argumentado, analizado e estudado que pretende dar resposta a necesidades dunha Administración do século XXI ligada ós recursos humanos. Recoñeceu, de feito, que "cada vez que me chama o vicepresidente para presentar unha idea xa sei que vai ser unha idea complexa, potente, reflexionada e que pretende construír unha provincia mellor".

  "É deses proxectos que hai que analizar dedicándolle tempo e concentración", resaltou, para engadir que "vai servir moito, non só para a nosa Administración provincial, senón tamén para administracións locais e outras administracións que o van tomar coma unha referencia".

Ningún comentario:

Publicar un comentario