12 de xuño de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra lanza unha nova liña de axudas extraordinarias a concellos para medidas de conciliación e corresponsabilidade  

Cun orzamento de 365.000 euros que se distribuirán con criterios obxectivos, destínanse a complementar os programas municipais de alivio das familias ante o peche de alternativas para nenas/os, persoas maiores e dependentes


A presidenta e o vicepresidente da Deputación provincial de Pontevedra na rolda de prensa deste venres
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará a próxima semana unha nova liña de axudas extraordinarias para os concellos de menos de 50.000 habitantes, dirixidas a complementar a financiación de programas e medidas municipais que se poñen en marcha para dar alternativas ás familias no coidado de nenas/os, de persoas maiores, e das persoas dependentes, ante o peche de centros educativos, actividades extraescolares, centros de día e de actividades de ocio.  

 Para a presidenta provincial, Carmela Silva, "as administracións públicas non podemos mirar para outro lado, temos que intentar achegar axudas aos concellos para que poidan cofinanciar, reforzar ou ampliar  proxectos postos en marcha neste eido como ludotecas, programas de ocio para nenas e nenos, para maiores,…".  Neste eido, as axudas que vai lanzar a Deputación de Pontevedra en materia de corresponsabilidade e conciliación, cun orzamento de 365.000 euros, serán distribuídas en función de dous criterios obxectivos como a poboación e o índice de dependencia, e poderanse solicitar para proxectos que desenvolvan os concellos entre xuño e decembro deste ano. O reparto das achegas oscilará entre os 3.700 euros para os concellos máis pequenos ata os 8.400 para os de maior poboación e permitirán complementar proxectos liderados por concellos no eido da conciliación.  

 A presidenta sinalou a importancia de favorecer a conciliación e a corresponsabilidade. "Os datos dos primeiros estudos realizados durante a crise sanitaria non arroxan ningunha dúbida: maioritariamente os coidados, que se converteron na prioridade absoluta , seguiron estando nas mans das mulleres que asumen o 75 % desta labor". Carmela Silva tamén amosou a súa preocupación pola volta atrás que poida supoñer a COVID-19 para as mulleres. "Costounos moito saír do privado para ocupar o público e unha pandemia non poder facer que as mulleres sexamos as que teñamos que volver cara atrás". Neste eido, a presidenta da Deputación anunciou que, nese eido, tamén, se vai impulsar desde a Deputación unha xornada relacionada co teletraballo con perspectiva de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario